Exitoso peche da campaña solidaria 'Un xoguete, un sorriso' en Poio

Benestar Social poderá contar con agasallos para uns cen nenos de familias sen recursos
O material doado permanece nunha sala da Casa Rosada. D.P.
photo_camera O material doado permanece nunha sala da Casa Rosada. D.P.

Preto de 100 nenos e nenas das familias con menos recursos do municipio de Poio terán agasallos grazas á campaña solidaria Un xoguete, un sorriso, que este venres pechou o prazo para realización de doazóns superando todas as expectativas dos organizadores: o concello de Poio e a voluntaria da SCD Samieira Silvia Ramírez.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Rosa Fernández, expresou esta fin de semana o seu agradecemento á veciñanza pola súa implicación, que permitirá que "moitas crianzas poidan tamén gozar cos seus agasallos".

A edil do PSdeG-PSOE explicou que as achegas non só foron  realizadas por persoas residentes en Poio, senon que "tamén nos chegaron xoguetes desde Pontevedra".

O Concello estableceu, como é habitual nestas campañas, o requisito de que estes xoguetes estivesen en bo estado e agradece tamén o esforzo feito polas familias en ser selectivos e xenerosos coas doazóns.

O Concello agradece o labor de Silvia Ramírez, voluntaria da SCD Samieira que deu pulo á campaña e que empaquetará os presentes

A seguinte fase será a limpeza e empaquetado dos agasallos, para seren repartidos durante o Nadal entre aproximadamente medio cento de familias que se atopan nunha situación de emerxencia social.

Fernández González indicou que "practicamente dobramos a cantidade acadada o ano pasado. A xente respondeu moi ben, consciente de que, agora máis que nunca, as familias máis desfavorecidas, e, especialmente os cativos e cativas, atravesan uns momentos difíciles, por mor da pandemia".

As principais doazóns foron libros, carteiras, xogos de mesa e bonecas. Pero tamén un reloxo dixital, bicicletas ou patíns forman parte deste particular botín, que se almacena actualmente no salón de actos na casa Rosada.

Silvia Ramírez, veciña de Samieira, integrante da Sociedade Cultural e Deportiva da parroquia, é voluntaria que fai o papel de motor desta recollida e tamén será a que engalane os paquetes dos agasallos. Rosa Fernández agradeceu onte o seu esforzo, tras moitos anos impulsando diferentes iniciativas solidarias. "Debido á pandemia, non se poden celebrar citas como o Festival Solidario, pero Silvia non dubidou en adicarnos boa parte do seu tempo persoal para, de xeito totalmente altruísta, implicarse nesta campaña", destacou a concelleira. 

Comentarios