Extinguido o lume declarado na Puntada, en Poio

O incendio, que se iniciou á mañá, reavivouse á tarde a causa do vento. Os efectivos extinguiron as lapas ás seis da tarde.
El incendio en A Puntada. DP
photo_camera El incendio en A Puntada. DP

Preto das 9.00 da mañá deste domingo, Protección Civil de Poio informou dun incendio no lugar da Puntada, na parroquia de San Salvador. Dende o paseo da avenida de Marín, a columna de fume e as lapas eran visibles para os viandantes que paseaban por alí. A zona onde se produciu o lume era un espazo cheo de árbores preto da ría, nun lugar próximo á ponte que cruza a AP-9 entre Poio e Pontevedra. A rápida actuación dos efectivos fixo que as lapas non chegasen a ningunha vivenda das que se atopaban preto do lugar. 

Ata alí achegáronse sete voluntarios do equipo de Protección Civil de Poio, dúas brigadas de extinción da Xunta de Galicia e efectivos da Policía Local e da Guardia Civil. Preto das 11.30 horas, o persoal que traballaba na zona para sofocar as lapas certificaron que o incendio xa se atopaba controlado, aínda que os efectivos continuaron traballando na zona debido ao risco de altas temperaturas e a alerta laranxa que se activou nas Rías Baixas dende a unha do mediodía. 

O cambio na dirección do vento e as altas temperaturas fixeron que ao redor das tres da tarde o lume se reavivase. Isto ocasionou que a cidade de Pontevedra comezara a encherse dun forte olor a fume

Llamas en Poio. DP
Llamas en Poio. DP

Ao redor das seis da tarde e segundo informaron os voluntarios de Protección Civil do concello de Poio, o lume declarouse "controlado e extinguido". A pesar disto, da zona calcinada continuaba saíndo fume de varios conatos debido ás altas temperaturas que propiciaron a combustión do mato. 

Os equipos que extinguiron o lume estiman que se calcinou aproximadamente unha hectárea de terreo na que soamente se ocasionaron danos materiais. Fontes da Policía Local de Poio están a investigar se o lume puido ser provocado.

El humo del incendio es visible desde distintos puntos de la ría. S.A
El humo del incendio es visible desde distintos puntos de la ría. S.A

Tamén Ponte Caldelas sufriu este domingo a ameaza do lume, que nese caso puido sufocarse en pouco tempo. O incendio iniciouse na Reigosa, na parroquia de Tourón.