martes. 15.06.2021 |
El tiempo
martes. 15.06.2021
El tiempo

Un faladoiro analizará en Poio o impacto do galego na prensa

A presentación dos actos, este martes. DP
A presentación dos actos, este martes. DP
Susana Pedreira e Tamara Andrés analizarán, dentro da programación do 17-M, o papel da lingua no xornalismo ►Contacontos, arte e música abordarán a figura de Xela Arias
O Concello de Poio e a Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Raxó, impulsan este ano para celebrar o Día das Letras Galegas unha completa programación que este martes presentaron a edil de Cultura, Raquel Rodríguez e a presidenta da asociación, Carmen Portela.

A figura da escritora Xela Arias e a súa poesía urbana serán o eixo principal destes eventos, que se desenvolverán entre o domingo 16 e o luns 17, e que incluirán contacontos e un faladoiro así como a tradicional entrega de premios aos gañadores do certame literario Xaime Illa Couto.

Todas as iniciativas desenvolveranse no propio centro cultural de Raxó, seguindo todas as medidas hixiénicas, de aforo e distanciamento marcadas polas autoridades sanitarias acordes coa situación actual. Deste xeito, as prazas para a asistencia destas actividades son limitadas, polo que Raquel Rodríguez advertiu de que será requisito indispensable reservar asistencia nos días previos, chamando ao Concello ou enviando un correo electrónico a [email protected].

A titular de Cultura incidiu na importancia de "poñer en valor e dar a coñecer a obra dunha muller referente no eido da lingua e da cultura galega como foi Xela Arias". Partindo desa filosofía, o departamento municipal apostou por desenvolver iniciativas que servisen para achegar os detalles da súa obra a xente de todas as idades. Entre elas, figura o contacontos Arredor de Xela, que terá lugar o domingo ás 17.30 horas e que correrá a cargo de Raquel Queizás.

No que á mocidade se refire, Raquel Rodríguez lembrou que a principios de maio o alumnado de primeiro de ESO do IES traballou nun obradoiro, impartido pola artista multidisciplinar Neves Seara, a través do cal a rapazada realizou deseños e collages inspirándose en textos do poemario Darío a diario. Estas propostas, na actualidade, forman parte dunha exposición no propio Centro Cultural Xaime Illa.

Outra das grandes novidades da programación será a celebración dun faladoiro, o luns 17 de maio, ás 12.00 horas, que versará sobre o protagonismo da lingua galega no xornalismo actual, así como do seu impacto no ámbito da poesía. As súas protagonistas serán a comunicadora Susana Pedreira, cunha ampla traxectoria radiofónica, e a poeta de Combarro Tamara Andrés.

Pola tarde, procederase á entrega dos premios aos e ás gañadoras do Certame Literario Xaime Illa. Raquel Rodríguez resaltou, respecto a este certame o "gran nivel acadado nesta edición, tanto no número de obras como no que á súa calidade se refire".

En total, as persoas integrantes do xurado tiveron que analizar un total de 112 textos, dos cales 60 correspondían a poemas e 52 á categoría de relato curto. "Unha vez máis, e vendo o nivel de participación nas diferentes categorías establecidas por idades, queda confirmado que Poio conta cunha gran canteira literaria", celebrou a concelleira de Cultura.

Este acto en recoñecemento os e ás gañadoras do certame contará coa participación do dúo Cámara Xarima e da agrupación Sementes de Liberdade, conformada por alumnado do IES, que, para esta ocasión, se encargará de por música a varios textos de Xela Arias.

Un faladoiro analizará en Poio o impacto do galego na prensa
Comentarios
ç