A familia cre que Manuela Barbosa puido moverse por Galicia ou Portugal

A investigación do paradoiro da muller de 66 anos, vista por última vez hai xusto un mes, segue "sen pistas concluíntes". En Arcade céntranse agora en fincas e casas abandonadas
undefined
photo_camera Familiares de Manuela Barbosa intensificaron recentemente a pegada de carteis. GONZALO GARCÍA

"É como se a tragase a terra". Deste xeito describe Raquel Barbosa, unha das fillas da muller de 66 anos desaparecida en Arcade o pasado 13 de xullo, os resultados dos labores de busca e a investigación que se está a levar a cabo e sobre a que, asegurou, seguen "sen pistas concluíntes".

Manuela Barbosa Sousa foi vista por última vez nas inmediacións do restaurante Avenida de Arcade e diso cúmprese este venres exactamente un mes. Dende entón, a familia nunca deixou de buscala e, despois de que as agrupacións de voluntarios percorreran o municipio de Soutomaior nas últimas semanas coordinados pola Garda Civil e a Policía Nacional, a familia cre que Barbosa "non está na zona de Soutomaior" e que "posiblemente se movera a calquera parte de Galicia, Portugal, ou incluso a algunha outra zona de España".

A hipótese familiar vén reforzada polo feito de que, tal e como explicou Raquel Barbosa, cando Manuela saíu da casa aquel día "levaba cartos con ela", polo que non descartan que "puidese coller algún transporte".

A maior preocupación nestes momentos para os familiares é que Manuela podería levar "un mes sen tomar a medicación" que precisa, polo que, valoraron, "ten que estar moi desorientada". Aínda que, tal e como confesa a filla da desaparecida, as esperanzas de atopala fan que "temamos o peor" conforme pasa o tempo, os esforzos por intentar dar con ela non fraquean. Neste sentido, dende o entorno familiar aseguraron que continuarán "buscándoa cos nosos medios" e pediron "ás autoridades competentes que continúen facendo o seu traballo".

Raquel Barbosa pediu tamén que "se siga difundindo" a fotografía de Manuela, tras unha pegada intensiva de carteis que abarcou toda a provincia de Pontevedra, e que chegou a lugares como "Ponte Caldelas, Moaña, ou Cangas". Deste xeito, a familia tamén continúa buscando a Manuela por comedores sociais, a pesar de que ata o de agora as pesquisas non obtiveron resultado, e preguntando "en albergues de peregrinos se alguén a puido ver, posto que se moven por moitas zonas".

PARCELAS PRIVADAS. Os labores de busca continúan, pero concéntranse agora en puntos concretos, coordinados pola Policía Nacional, coa colaboración de Protección Civil. Neste sentido, tal e como explicaron dende o corpo de voluntarios de Soutomaior, as pesquisas trascorren por parcelas privadas e casas abandonadas do casco urbán de Arcade, xa que son zonas "con moita maleza e que están sen limpar", asegurou Carlos Bas. Así, a afinación do sinal do teléfono móbil permitiu estreitar os puntos do operativo nos últimos días.

Dende o primeiro momento da desaparición, foron moitos os voluntarios que, baixo o emblema de Protección Civil de varios municipios veciños, sumáronse á búsqueda de Manuela Barbosa, por terra, mar e aire, centrada sobre todo nos arredores de Soutomaior. Agora, a familia pide "máxima colaboración".

No momento da súa desaparición, Barbosa levaba posto un vestido amarelo escuro con estampado de lunares. Os teléfonos de contacto son: 091, 062 e 112.

Comentarios