As familias Bóveda e Caamaño únense á querela arxentina contra os crimes do franquismo

A Deputación de Pontevedra convértese nunha das primeiras institucións públicas que apoia esta causa organizando unhas xornadas con avogados e familias para impulsar o proceso
Unha moza, na homenaxe a Alexandre Bóveda, na Caeira. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ADP)
photo_camera Unha moza, na homenaxe a Alexandre Bóveda, na Caeira. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ADP)

Dúas familias de represaliados do franquismo en Pontevedra, a do intelectual e político galeguista Alexandre Bóveda e a do médico e político republicano de esquerdas Adolfo Caamaño, ambos fusilados na Caeira, uniranse á querela arxentina contra os crimes da ditadura que a xuíza María Servini instrúe dende 2010 no xulgado nacional Criminal y Correccional número 1 de Bos Aires. Farano publicamente nunhas xornadas de memoria histórica contra a impunidade que organiza e acolle a Deputación de Pontevedra, que se converte desta maneira nunha das primeiras institucións públicas españolas que apoia esta causa.

Segundo anunciou este luns a deputada provincial de Memoria, María Ortega, esta iniciativa, desenvolverase ao longo dos días 15 e 16 de novembro. Comezará cunha xornada técnica (venres, 17.00 horas), na que os avogados que defenden aos querelantes, entre eles Jacinto Lara e Paloma García, exporán ante os seus colegas pontevedreses os pormenores da situación legal na que se atopan as vítimas. A este encontro están convocados representantes do Colexio da Avogacía de Pontevedra así como do Grupo de Avogados Novos de Vigo.

A continuación (venres, 19.00 horas) celebrarase unha xornada informativa dirixida ás propias familias represaliadas, na que se lles informará de como poden unirse á querela arxentina, así como calquera dúbida xurídica que teñan ao respecto. Nesta proposta participarán Miguel Ángel González (hoxe veciño de Vigo) e José María Chato Galante, dous querelantes contra Antonio González Pacheco, Billy El Niño, policía franquista ao que se acusa de torturas. Chato Galante é precisamente unha das caras máis coñecidas desta querela. Foi un dos protagonistas de ‘El silencio de otros’, un documental multipremiado que seguiu ao longo de seis anos a loita das familias represaliadas por que se recoñeceran e se xulgaran os crimes da ditadura. Esta película poderase ver dentro das xornadas (venres, 19.45 horas).

ACTO INSTITUCIONAL. A proposta rematará o 16 de novembro (sábado, 12.00 horas) cun acto institucional, aberto ao público, de recoñecemento ás vítimas e de divulgación da causa contra os crimes franquistas. Participarán representantes das familias pontevedresas que se querelarán.

Montse Fajardo, representando á Coordinadora da Iniciativa Galega pola Memoria, e Valentín García Bóveda, representando ás familias, participaron este luns na presentación destas xornadas da Deputación. "Hoxe máis que nunca hai que loitar de xeito firme contra o fascismo", dixo Fajardo. "Aquí damos un paso máis a nivel xudicial para restituir a memoria das vítimas. Era moi importante que Galicia estivese aí". Nestes momentos están presentadas e en diferentes fases xudiciais máis de 600 querelas que implican a máis de 9.000 persoas vítimas do franquismo, lembra a Deputación. En Galicia , segundo datos de colectivos de recuperación da memoria, entre xuízos sumarísimos e ‘paseados’, podería haber máis de 4.000 familias afectadas.

"Cando falamos de recuperación da memoria, falamos de recuperación de dereitos e de recuperación de dignidade", explicou García Bóveda. "De ter traballado neste sentido dende as institucións públicas, o discurso da intolerancia e dos verdugos no tería cabida hoxe".

Comentarios