Famous, Ricky e o Combo Dominicano en Ponte Caldelas

As Festas das Dores celébranse desde o venres ata o 27 de agosto cunha morea de actividades "para todos os gustos"
Famous, tras ganar 'OT'. JOSEP ECHABURU
photo_camera Famous, despois de gañar 'OT'. JOSEP ECHABURU

Ponte Caldelas prepárase para vivir desde o venres as tradicionais Festas das Dores cun "sinfín de actividades para todos os públicos e para todos os gustos", tal e como anunciou o alcalde do municipio, Andrés Díaz, que se levarán a cabo desde o venres e ata o día 27. Así, os actos comezan o venres coa celebración do Caldelas Xoven, que contará coa actuación de Famous (gañador de Operación Triunfo 2018), Ricky Merino (Operación Triunfo 2017), David Lafuente e Brokkt. Unha cita que terá lugar na Alameda a partir das 23 horas desta noite.

O sábado arrancará a xornada con pasarrúas dende media mañá. A Alamaeda acollerá, ás 20.30 horas, o Festival Folcrórico Internacional, onde participará unha das bandas organizadoras, Os Coribantes, xunto co grupo folcrórico Chispa de Plasencia e o Rancho Folcrórico Campanha de Oporto. Máis de 150 artistas daránse cita neste evento. A continuación, ás 23 horas, chegará un dos momentos máis agardados, a verbena na Alameda, na que a orquestra Superfama e o grupo América deleitarán aos asistentes coas súas versións dos clásicos do rock.

O domingo os pasarrúas volverán a encher de son e ritmos as rúas deste pobo e, pola noite, a Orquestra Olympus, unha das agrupacións de máis prestixio da xeografía galega, ofrecerá o seu mellor directo.

O luns tamén se presenta con moita actividade e, ademais de pasarrúas e o concerto da Banda de Música, ás 21 horas terá lugar o Festival Son de Ponte Caldelas, unha cita organizada pola Banda de Gaitas Os Coribantes que terá lugar na Alameda e contará coa participación dos diferentes grupos musicais do municipio. A verbena, que comezará ás 00.00 horas estará amenizada pola orquestra Ibiza Band e varios DJ.

O martes, 28 de agosto, é un dos días con máis tradición nesta Festa das Dores, un día que vén completo de actividades con pasarrúas, concerto da Banda de Redondela e a misa solemne na honra de San Roque ás 20 horas, unha misa que será cantada pola Coral Valdarrosa do concello. A continuación, a procesión sairá e estará acompañada pola Banda de Gaitas Os Coribantes e pola Banda de Guerra da Brilat. A xornada rematará cunha verbena que dará comezo ás 23 horas e pechará o telón, tal e como manda a tradición, ás oito da mañá. Son moitas horas de festa pero, tal e como asegura o alcalde, "a diversión estará asegurada co Combo Dominicano enriba do escenario e as orquestras La Oca Band e Nevada Band". Andrés Díaz ten claro que será "un espléndido broche de ouro para estas festas de todas e de todos os veciños".

DÍA DO NENO. O mércores 29 pequenos e mozos poderán gozar do Día do Neno coas atraccións infantís das festas a prezo reducido. Neste senso, o alcalde de Ponte Caldelas tamén quixo lembrar que as fichas de cortersía que os propietarios das atraccións lle dan ao Concello, xa se lles entregaron a 54 nenas e nenos pertencentes a familias en risco de exclusión social, unha medida que Andrés Díaz considera "necesaria co fin de que estas familias gocen das festas en igualdade e sen discriminacións".

Ademais, o alcalde convida a todo o mundo a que veñan e se divirtan nas Festas das Dores de Ponte Caldelas, onde "a diversión durante estes días está máis que garantida" e se "sentirán coma na casa".

Comentarios