A fase final das obras do CEIP Viñas coincidirá co incio do vindeiro curso

As obras de mellora das instalacións inclúen a remodelación completa de todos os aseos do centro e a substitución da carpintería exterior ► O custo da actuación ascende a 388.000 euros
Luis López, Luciano Sobral, César Ares e outros membros do Goberno local nas obras do CEIP Viñas. BEA CÍSCAR
photo_camera Luis López, Luciano Sobral, César Ares e outros membros do Goberno local nas obras do CEIP Viñas. BEA CÍSCAR

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Luis López; o xefe territorial de Educación de Pontevedra, César Pérez Ares e outros membros da corporación municipal, visitaron este mércores as obras de mellora e mantemento que se están a efectuar no CEIP Manuel Viñas de Poio.

Estas obras de conservación e remodelación inclúen a renovación de todos os aseos do centro e a substitución da carpintería exterior, é dicir, todos os ventanais. Está previsto que a execución da fase final das obras coincida co inicio do vindeiro curso escolar.

Na visita ás obras, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Luis López, destacou a importancia e a necesidade destes traballos que xa trasladara a comunidade educativa. "Hai que dicir que para estas obras estaban previsto ó seu inicio a principios de ano, pero á primeira fase de licitación que se efectuou non se presentou ningunha empresa o cal provocou que se retrasara ata este período" declarou López.

O delegado tamén quixo destacar o positivo de que este proxecto de mellora se efectúe durante o verán "a efectos de compatibilizar o inicio do curso coa fase final das obras que, en todo caso, non van conlevar prexuízo de ningún tipo", salientou respecto á actividade docente. López tamén subliñou o compromiso da delegación co Concello de Poio, xa que "vimos de rematar unha actuación de 90.000 euros que consistiu na sustitución da iluminación".

Para César Pérez Ares, xefe territorial de Educación de Pontevedra, a actuación divídese nun custo de 340.000 euros para a renovación da carpintería exterior e unha suma de 48.000 euros para a reforma íntegra dos aseos. O delegado quixo recalcar que "damos cumplimento a ese compromiso que tiñamos coa comunidade educativa" e espera que as obras rematen cun resultado satisfactorio para todos os interesados.

Dende a corporación municipal, o alcalde, Luciano Sobral agradeceu a visita tanto do delegado de Educación, como a do delegado Territorial e suscribiu as palabras de ambos ao sinalar a importancia e a necesidades destas actuacións de mantemento e renovación que precisaba o CEIP Viñas.

Nun percorrido polos corredores do centro destacaron a antiguedade dos materiais que os operarios estaban retirando das instalacións. "Este é un colexio que debe de estar a cumplir ao mellor 50 anos agora moi pronto, xa que foi un dos primeiros que se construíron aquí no Concello", dixo o alcalde de Poio, Luciano Sobral. Na visita ao centro a corporación municipal declarou que tras a reforma "vai quedar prácticamente un novo colexio". O alcalde fixo fincapé no feito de que o centro educativo "vaia quedar totalmente renovado e vaia ser un colexio para atender aos veciños en mellores condicións".

O edil tamén salientou que esta reforma levará consigo un aforro enerxético notable polo que "este tipo de obras melloran a calidade da ensinanza e a caliade do traballo do equipo docente. Os alumnos vánse atopar, entendo eu, máis a gusto no seu colexio".

Por último Luciano Sobral agradecer á Consellería de Educación a segunda fase que xa teñen prevista para realizar unha serie de actuacións no centro que incluirán o cambio de todos os falsos teitos do colexio.

Comentarios