A Feira de Artesanía de Ponte Caldelas sumou máis de 2.000 visitantes

O evento foi organizado polo Concello en colaboración cos artesáns da zona
Un dos postos do mercadillo durante a Feira de Artesanía. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un dos postos do mercadillo durante a Feira de Artesanía. GONZALO GARCÍA

Máis de 2.000 persoas pasaron pola gran carpa instalada na Praza de España durante os dous días que durou a Feira de Artesanía de Ponte Caldelas.

O evento, organizado polo Concello en colaboración cos produtores artesáns da zona e tamén de distintos puntos de Galicia, celebrábase por terceira vez na Praza de España, aínda que leva varios anos máis sendo un dos referentes da programación de Nadal do municipio.

Un posto de filloas. GONZALO GARCÍA
Un posto de filloas. GONZALO GARCÍA

Nesta ocasión, os postos estiveron abertos durante nove horas ininterrompidas nas dúas xornadas da fin de semana e houbo acompañamento de música tradicional, obradoiros infantís, demostración e oficios, unha exhibición de bolos celtas durante a tarde do sábado e un espectáculo de maxia na tarde do domingo.

En canto aos produtos, non faltou ningún ramo da artesanía: punto, tecidos, coiro, orfebrería con diversos materiais, alimentación con produtos naturais ou de proximidade, mel, e incluso pintura, cosméticos e sabróns feitos a man, ou cestería e xoguetes artesáns.

Tal e como indica o Concello, "o éxito desta sexta edición da Feira de Artesanía de Ponte Caldelas demostra que a capital da bisbarra do Verdugo-Oitavén é unha referencia inescusable no mundo da artesanía, pois a feira é xa un evento totalmente consolidado e no que está presente unha escolma dos mellores produtos feitos a man de toda Galicia". Deste xeito, houbo postos chegados de varias provincias galegas e tamén artesanía local, feita en Ponte Caldelas por veciñas de Ponte Caldelas.

Comentarios