Fernández de la Mora, Ramón Encinas e Mato Calderón tamén se irán das rúas de Poio

O Concello fixa esa folla de ruta, tras celebrar o cambio de nome da antigua avenida Francisco Regalado, en Combarro, que agora se chama Baixada á Chousa e Paseo das Redeiras
undefined
photo_camera O acto no que se descobreu a primeira das dúas placas cos novos nomes das rúas, este sábado en Combarro. DAVID FREIRE

As rúas Baixada á Chousa e Paseo das Redeiras xa son unha realidade en Combarro, Poio, despois de que este sábado o Concello desenvolvese o acto oficial de descobremento das placas que lle dan novos nomes, en substitución do de Avenida Francisco Regalado, figura vinculada ao franquismo, que se elimina, deste xeito, dando cumprimento á Lei de Memoria Histórica.

A iniciativa do tripartito, levada a cabo pola Concellería de Seguridade Cidadá, Política Lingüística e Memoria Histórica materializouse despois dun longo percorrido iniciado coa apertura do expediente e a súa tramitación (que acabou coa aprobación plenaria), así como co proceso paralelo de reunións coa veciñanza para decidir cales serían as opcións máis viables para o renomeamento.

Ao acto deste sábado acudiron representantes de BNG e PSdeG e no transcurso do mesmo, o alcalde, Luciano Sobral, defendeu o traballo que se veu realizando ao longo dos anos en Poio, en primeiro lugar para normalizar figuras da cultura galega que foran silenciadas polo franquismo e as eivas da transición "como Castelao, Rosalía de Castro ou Alexandre Bóveda", e, posteriormente, para avanzar na eliminación da pegada cultural da dictadura no rueiro. O alcalde destacou o valor deste cambio como un paso máis, dado "para corrixir un punto negro da nosa historia, un tempo de escuridade e medo, aínda que tamén de resistencia, grazas á cal no ano 1977 chegou un novo aire ao país en forma de democracia".

A concelleira de área, Marga Caldas, destacou, pola súa banda, o valor do proceso desenvolto con normalidade política, no que, ademais "se traballou para atopar os novos nomes respectando a toponimia local, dado que a primeira parte da rúa era coñecida entre os veciños deste xeito". A concelleira destacou o esforzo que fixo Poio "e fará nas sucesivas ocasións", anuncia, "para seguir coa feminización do noso rueiro, xa que somos moi conscientes de que a muller ten que chegar ao espazo público".

Respecto a Paseo das Redeiras, o Goberno local destaca o orgullo de que este nome entronque cun oficio que foi tan necesario e destacado na vida mariñeira, en especial nesta vila, "a pesares de que hoxe está case desaparecido".

A edil subliñou a intención do Goberno local de seguir dando cumprimento á Lei de Memoria Histórica con varias rúas nas que están homenaxeados persoeiros do franquismo. "Por sorte, en Poio non temos moitos lugares significados", indicou o alcalde, quen tamen quixo respostar aos colectivos que se negaron a acudir ao evento por considerar que se está a tardar moito en dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica. "Nunca é tarde", reflexionou, destacando que o importante é a intención de "seguir con esta tarefa".

O PP, pola súa banda, pediu que o Concello axude a veciños e empresas no proceso de cambio legal do nome orixinal ante as distintas administracións.

As rúas nas que o Concello quere seguir aplicando a Lei de Memoria Histórica
En San Xoán ► De la Mora y Mon
A subida ao Mosteiro conserva o nome do que fora Ministro de Obras Públicas entre o 70 e o 74, e entre outras cousas fora coautor da Ley de Principios del Movimiento Nacional, en 1958.

En San Salvador ► Mato Calderón
O principal ramal de entrada na Caeira tamén está baixo a lupa do traballo para erradicar pegadas do franquismo polo papel e cargos que ostentou o doutor que lle dá nome naquela etapa.

En Raxó ► Ramón Encinas
A rúa que percorre a fachada marítima de Raxó está adicada ao que fora gobernador civil da provincia nos anos 60 e ostentara outros cargos similares en distintos puntos de España.

Comentarios