A Festa da Troita amosa músculo na súa volta despois da pandemia

Gran afluencia de público no día grande do evento ► O alcalde lembrou a defensa do Verdugo na entrega de premios: "Sen el non habería esta festa e este pobo e as súas xentes non terían futuro"
undefined
photo_camera Asistentes disfrutando da xornada. B. CÍSCAR

Exitoso regreso da Festa da Troita de Ponte Caldelas ao seu formato tradicional no que se puideron degustar as troitas na Alameda, houbo verbenas e actuacións musicais e se deixaron atrás as restricións da pandemia.

O Concello de Ponte Caldelas, e particularmente a Alameda convertiuse no epicentro do evento que este ano cumpriu a súa 54 edición e que demostrou que a fórmula desta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia non está esgotada. Un dos seus principais motores é a degustación gastronómica e os dous grandes esforzos do Concello por popularizar a troita demostraron ser fórmulas de éxito: por unha banda, desde hai uns anos, as troitadas celébranse nos distintos lugares e parroquias durante as semanas anteriores á festa. Cada convocatoria recibe a ducias de veciños dos lugares, e, sen embargo, ningunha lle resta visitantes ao fin de semana grande da festa.

undefined
Os asistentes desfrutaron dunha xornada amena e de boa gastronomía. B. CÍSCAR 

É dicir, que lonxe de saciar aos comensais, anímaos a degustar troita varias veces no mes da festa. O outro grande esforzo é o económico. As racións de troita frita e en escabeche seguen a custar tres euros acompañadas de viño ou auga e pan. O prezo leva sendo o mesmo desde hai anos e o traballo de ducias de voluntarios e voluntarias que elaboran o produto e realizan toda a tarefa loxística fai que o prato estrela poida manterse asequible mesmo no ano máis duro da inflacción.

A outra tarefa compartida e na que hai un gran esforzo do voluntariado é o concurso de pesca, que segue a atraer a ducias de participantes. A Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo coopera coa organización deste evento e un dos actos centrais do Día Grande é a entega de premios.

Este ano, Antonio Lorenzo, da sociedade de caza e pesca local, acadou primeiro posto da categoría senior. O segundo posto foi para Luis Esperón (Verdeseixo) e o terceiro para Manuel Alfonso Fontán, do mesmo clube. A troita máis grande acadouna Manuel Alfonso, tamén de Verdeseixo que capturou un exemplar de 33 centímetros. Na categoría de sociedades, o primeiro posto foi para a sociedade de saza e pesca local, o segundo para o Club Carballedo e o terceiro para o Club de Caza e Pesca Padrón. En veteranos todos os premios foron para o club Río Ulla: o primeiro post acadouno Manuel Mariño Varela, o segundo Raúl Mariño Teira e o terceiro Ramiro Rey. Na categoría feminina gañou Nieves Iglesias (ADN Ribadavia) e o segundo posto foi para Nieves Salgueiro (Verdeseixo).

undefined
Preparación dos pratos. B. CÍSCAR

Na categoría xuvenil triunfou Ángel Blanco Falcón, seguido de Fabián Eiras e de Iago Fraga . Na categoría infantil gañou Iván Moledo Amoedo e seguírono Martín Lorenzo e Ainara Estévez.

A festa rematou coa terceira xonada do festival de música folk, con Cantos na Taberna, Catroventos e Cantanascroas. No seu discurso, o alcalde lembrou aos alcaldes precedentes que impulsaron e mantiveron a festa: Eliseo Lopo, Jaime Vidal, Fidel Rodríguez e Perfecto Rodríguez e aos voluntarios que traballan nela. Díaz non esqueceu a defensa mediambiental do río, e alegou que Ponte Caldelas "amosou toda a súa solidariedade durante a pandemia e defendeu, defende e defenderá sempre o seu río Verdugo, un río sen o que non habería esta festa e sen o que este pobo e estas xentes non teríamos futuro", sentenciou.

Comentarios