A Festa da Troita de Ponte Caldelas triunfa na súa variante itinerante

O Concello estima que xa se teñen consumido uns 500 quilos desta especie, repartidos nun millar de racións, nos encontros que se veñen realizando este mes nas parroquias da vila

O alcalde, Andrés Díaz (de pé), participa nos encontros que se celebran para promocionar un dos eventos máis emblemáticos da localidade. DP
photo_camera O alcalde, Andrés Díaz (de pé), participa nos encontros que se celebran para promocionar un dos eventos máis emblemáticos da localidade. DP

A Festa da Troita polas parroquias de Ponte Caldelas, que cumpre o seu terceiro ano, continúa o seu ritmo de crecemento, alcanzando xa a plena consolidación. O evento, que leva a celebración gastronómica por todos os lugares do municipio está hoxe plenamente aceptado e considérase como unha datas senlleiras do ano, segundo explica o Concello.

O Goberno local puxo en marcha o maio troiteiro a principios do mandato, para rachar coa idea de que a Festa a Troita era unha celebración do centro urbano. Despois dun bo arranque e un espectacular crecemento no segundo ano, a plena consolidación está a chegar este ano. Ao longo de todo o mes visítanse un por un todos os núcleos que contan con Casa do Pobo e ata alí viaxan sempre concelleiros do tripartito, encabezados polo alcalde, Andrés Díaz, que comparten mesa e mantel coa veciñanza.

Superado o ecuador desta edición, vendéronse xa unhas 1.000 racións de troita, o que supón máis de 500 quilos. A previsión ao longo do mes é pasar longamente das 1.500 unidades e dos 750 quilos. A día de hoxe, xa se consume máis troita nas paradas polas parroquias que durante a fin de semana da Festa propiamente dita, na última fin de semana deste mes. "A troita compite todos os anos coas eliminatorias da Champions League e con todo tipo de eventos televisivos sen dar signos de debilidade", afirma o alcalde, quen destaca que hai moitos veciños que asisten á degustación no seu pobo e tamén a outros cos que teñen relación familiar ou de amizade. "Isto é un verdadeiro intercambio e unha exaltación da verdadeira festa, que é ser de Ponte Caldelas", engade.

As noites de troita xuntan a centos de persoas, aínda que a cifra varía moito dun lugar a outro. Unha vez degustado o peixe, que se serve nunha ración ao prezo de tres euros, incluídos pan e viño, a veciñanza achega doces caseiros e/ou licor café e a festa continúa ata ben pasada a media noite, especialmente nas fins de semana. A animación musical, nas Casas do Pobo máis concorridas, chega a cargo de grupos como Os Contentos ou Laranxada de limón.

O dispositivo gastronómico itinerante, único en toda Galicia, é posible gracias á colaboración altruísta de un grupo de cociñeiros/as comandado por Enrique Lafuente e do que forman parte José Antonio Rocha, Lino Mariño, Alejandro Rocha, Dolores Padín, Sandra Gil, José Manuel Corbacho e José Luis Reimúndez.

Comentarios