A Festa do Codillo de A Lama esgota todas as racións en tempo récord

Pese á choiva, no evento servíronse mil pratos en apenas 50 minutos
undefined
photo_camera José Balseiros xunto a David Carrera, onte, na Festa do Codillo da Lama. DP

Un milleiro de comensais deron boa conta de todas as racións postas a disposición do público polo Concello da Lama na XX Festa do Codillo que volveu ao panorama gastronómico galego cun éxito inusitado. A perfecta organización do evento permitiu que se serviran 1.000 racións nun tempo récord de 50 minutos. Os comensais, desafiando á intensa choiva, seguiron en todo momento as indicacións dos voluntarios de Protección Civil e da organización para recoller ordenadamente os pratos coas correspondentes racións.

O mal tempo non desluciu para nada as ganas do público de degustar de novo o popular codillo da Lama preparado, con éxito, por Cátering Arelas. Os asistentes tamén puideron achegarse na propia Alameda ata a Mostra de Produtos da Terra e mercar queixo, mel, embutido, postres caseiros, produtos da horta e ata froita. A xornada gastronómica estivo acompañada pola música da Banda Municipal da Lama e Os Encerellados.

Este evento gastronómico, que volveu celebrarse tras o parón obrigado pola pandemia, contou coa presenza do director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Medio Rural, José Balseiros, que foi recibido polos tenentes de alcalde David Carrera e Jorge Méndez, así como polos concelleiros Daniel Vidal, Francisco Pérez e José Fortes. Na celebración tamén se deron cita os deputados provinciais Raquel Giráldez (PsdeG-PSOE) e Miguel Domínguez (PPdeG), entre outros representantes públicos.

Unha hora antes da apertura do stand que dispensaba as racións de codillo, a Banda de Música Municipal da Lama ofreceu un concerto que foi moi aplaudido polo público presente. A sobremesa musical correu a cargo de Os Encerellados que animaron o evento co seu humor e o seu ritmo.

Por outra banda, cabe destacar que a venda anticipada de tickets posta en marcha pola organización foi todo un éxito, xa que deste modo evitouse que se formaran grandes colas e axilizouse todo o proceso.

Comentarios