A Festa do Mar medrou un 40% ao repartir 2.800 tapas e facturar 11.000 euros

Vilaboa destaca o labor de todos os traballadores que se involucraron no evento
Traballadoras dun dos restaurantes servindo ameixas con fideos. DAVID FREIRE
photo_camera Traballadoras dun dos restaurantes servindo ameixas con fideos. DAVID FREIRE

Máis de 2.800 racións vendidas, 11.000 euros facturados, unha elevada porcentaxe de refugallo reciclado e ningunha incidencia é o balanzo da terceira edición da Festa do Mar de Vilaboa, un evento que acadou un incremento do 40% de racións despachadas con respecto ao ano 2023.

A demanda do produto foi máis elevada entre os petiscos máis asequibles, xa que o mexillón e o choco duplicaron as vendas mentres que a ameixa, de coste máis elevado, medrou un 50 por cento.

Tanto o alcalde, César Poza, como a concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, agradecen a participación e bo traballo dos restaurantes participantes, A Garboa, Casa Aurelia e A casa de Rosa da Mazaroca, así como a panadería e pastelería Os Laranxos "que fixeron todo o que estivo na súa man para enxalzar os produtos do mar locais" e que elaboraron o triple de racións que na pasada edición. "Levan moito tempo traballando nesta festa para que todo estivese a punto, facendo un reforzo de persoal para atender debidamente aos comensais".

Carmen Gallego agradeceu a implicación de todo o personal municipal e de empresas colaboradoras que fixeron posible o desenvolvento da festa, e destacou tamén a colaboración de mariscadoras e bateeiras tanto na organización do evento como nas catas e na venda dos tiquets nos dous días de celebración do evento, labor no que estiveron apoiadas por tres traballadores municipais.

A listaxe de agradecementos inclúe tamén á brigada de Obras do Concello, coordinada polo seu capataz, que dotou o contorno dos servizos necesarios e ás traballadoras da limpeza e aos operarios da recollida do lixo que se encargaron de que houbese contedores para atender o volume de residuos e mantiveron limpo o recinto.

A festa conseguiu cifras dignas de considerar que avanza na súa consolidación e mantivo tamén o seu obxectivo de contribuír á difusión turística, cun punto de información sobre os atractivos do concello.

Comentarios