A Festa do Petote cumpriu once anos onte en Cerdedo-Cotobade, e celebrouno dando de comer aos 500 comensais que gozaron dunha completa degustación a base de cocido completo e petote, postre e bebida, nos nove restaurantes colaboradores coa celebración, cuxa ocupación ascendeu ao 85% das prazas ofertadas.
Pola súa parte, a degustación gratuíta do petote, que tivo lugar na Praza da Chan, en Carballedo, serviu un total de 250 racións á veciñaza e ós visitantes que se achegaron ata o lugar para gozar do prato tradicional que xa se converteu en todo un clásico do mes de febreiro no lugar. Protexidos pola carpa instalada polo Concello, deron boa conta do manxar estrela, grazas ao que axiña se puideron esquecer do frío.
Os festexos comezaron ás 12.00 horas co agardado desfile de comparsas, madamitas, folións e Flores do Entroido, que animaron aos asistentes. Xa na carpa, o gaiteiro Oscar Ibáñez foi o encargado de dar o pregón que, para sorpresa dos asistentes, animou con algunhas pezas musicais ante as que o público non se puido resistir a bailar, mentres o ambiente ía dando paso á sesión vermú a cargo do grupo A Tajea, un dos momentos máis animados da xornada.
A continuación comezou a servirse a degustación gratuíta do petote que, un ano máis, e a pesares do mal tempo, estivo arroupada polos asistentes de xeito moi exitoso. Pola súa parte, os cativos puideron gozar de diferentes actividades e inchables, pensadas para que todos puideran pasar unha xornada do máis agradable.