'Con sentidiño!', o novo spot do Festival Armadiña Rock que recorda a 'Fariña'

La Pegatina, Amparanoia e as bandas galegas SES e Terbutalina serán as cabezas do cartel deste ano

O Festival Armadiña Rock Estrella Galicia publicou este martes o spot da décima edición, no que aparece a veciñanza de Combarro traballando arreo durante a madrugada nunha misteriosa "descarga" que moito ten que ver coa edición número dez do evento musical. Os braceiros, encarnados principalmente por membros da asociación Armadiña, están liderados pola actriz Isabel Risco, colaboración especial da peza. O vídeo foi elaborado grazas á colaboración dos realizadores José Aragunde e Juan Barcia.

A través desta peza audiovisual, a asociación Armadiña quixo facer un guiño á serie Fariña e sumarse á reivindicación da gran calidade e recoñecemento que está a conseguir o sector audiovisual galego. De feito, a asociación tamén organiza o certame Curtas Armadiña, que celebrará a súa cuarta edición a finais de novembro.

La Pegatina, Amparanoia e as bandas galegas SES e Terbutalina serán as cabezas do cartel deste ano. Polo escenario principal, ubicado na Praza da Chousa, tamén pasarán Banda Xangai, Zënzar, Sonoro Maxín, The Lákazans, Skándalo GZ, A Banda da Loba, Noite Fechada, Dudecan e Voodoo.

A programación completarase con actividades de ámbito familiar, coma un concerto punkinfantil, espectáculos circenses e teatrais e con pasarrúas, que correrán da man de Fanfarria Farruxa, Balkan Paradise Orchestra e Batucada Os Queimatasas. O décimo festival Armadiña Rock celebrarase entre o 24 e o 26 deste mes de agosto.

Comentarios