O Festival Armadiña Rock presenta o seu cartaz adaptado ao coronavirus

Dúas actuacións en acústico de Sés e recordos doutras edicións marcarán o formato alternativo
2020081912545492572
photo_camera Sés participará na nova edición a través das redes sociais. ARCHIVO

A organización do Festival Armadiña Rock presentou onte o cartaz definitivo da edición especial deste ano, conformado por unha serie de actividades "coa esencia Armadiña" que darán lugar unha edición alternativa os días 21, 22 e 23 de agosto, adaptada ás medidas de seguridade esixidas pola Covid-19.

O novo formato inclúe o V Concurso de Decoración Mariñeira do Recinto Histórico de Combarro, que foi o primeiro que se anunciou fai uns días. Ademáis, acolle a primera edición do festival de Banda Deseñada, que dará lugar á presentación da preview do que será o libro, o día 22. Tamén, durante os tres días que durarán as actividades, poderase gozar dun percorrido polos 11 anos de historia que acabaron conformado o festival actual, cunha exposición chamada Armadiña Rock, a forza do colectivo na Praza da Chousa. Na parte musical, deixarase de lado o formato de concertos en vivo e levarase a cabo Combarro Sonoro os días 21 e 22 a través das redes sociais oficiais do Festival Armadiña. Mostraranse dous vídeos inéditos de Sés, percorrendo a vila e ademais cancións en acústico en dous lugares de Combarro, aínda descoñecidos pero que, aseguran, serán "moi especiais". En directo, gravarase un podcast na Praza da Chousa o día 22, no que se contará con varios colaboradores relacionados co festival, como artistas ou veciños. Durante o mesmo día emitirase un videowall, que recordará edicións pasadas. Para os máis pequenos repartirase o Armadiña Kids para levar, un libro no que poderán pintar as imaxes máis características da historia deste festival.

Comentarios