O Festival Chalaniña chega a Lourido este mércores

A praia e o parque Costa Xiráldez encheranse de música e diversión
Membros do goberno local presentando o festival. DP
photo_camera Membros do goberno local presentando o festival. DP

A música, os espectáculos de malabares e humorísticos serán o atractivo principal do Festival Chalaniña que terá lugar nos arredores da praia de Lourido. A actividade vaise realizar entre os días 28 e 31 de xullo.

Este certame contará con música, maxia, malabares e outras sorpresas, todas elas de balde. Todas as actividades que se van desenvolver nas inmediacións da praia de Lourido comezarán ás 19.00 horas da tarde e algúns dos participantes serán Uxía Lambona e A Banda Molona o día de inauguración e o Mago Teto será o venres 29; mentres que o sábado estará Fran Boza facendo un espectáculo de malabares e o derradeiro día pecharase o festival co concerto de The Lakazans que será ás 21.30 horas da noite.

Esta inciativa, pensada para o disfrute de maiores e pequenos, está impulsada pola Concellería de Festexos da que é responsable Xosé Luís Martínez Blanco (BNG). O edil salientou que esta cita "está plenamente consolidada como oferta de lecer en Poio".

O Festival naceu hai varios anos en Combarro, inscrito dentro da programación da Festa do Mar, pero a chegada da pandemia fixo que o evento sufrira certas modificacións. "É unha aposta que fixemos no seu día para a veciñanza e as persoas que visitan Poio durante o verán e que desenvolvemos en dous enclaves de referencia do municipio, como son a praia de Lourido e o parque de Costa Xiráldez. Unha fórmula que funciona moi ben", sinalou Martínez Blanco.

Comentarios