Filgueira quere que o Pleno de Cerdedo-Cotobade condene a mala xestión do Sergas

O BNG vén de recoller firmas para a ILP da Sanidade e de apoiar as reivindicacións da veciñanza en Cerdedo. "O Goberno local non fixo nada de nada" mentras tanto, afirma o voceiro
Ernesto Filgueira, no centro, co lema do BNG 'Queremos máis'. C. FERNÁNDEZ
photo_camera Ernesto Filgueira, no centro, co lema do BNG 'Queremos máis'. C. FERNÁNDEZ

O descontento coa Atención Primaria en Cerdedo-Cotobade é patente. Así o sostén o BNG deste municipio, encabezado por Ernesto Filgueira, que promoverá unha moción para debatir no Pleno na que se pide a condena expresa por parte de todos os grupos "da nefasta xestión" da Sanidade.
Filgueira lembra as constantes eivas que padecen os tres centros de saúde do concello fusionado.

A máis recente delas foi en Cerdedo, onde se quedaron varios días sen médico pola ausencia do titular da praza. Tamén está a petición de dotar o PAC de Cerdedo cunha ambulancia que aforraría longas esperas aos veciños que padecen urxencias. Outro dos cabalos de batalla son as poucas horas de Pediatría en todo o Concello. O BNG insiste en que pola súa parte xa se están a recoller firmas para a ILP da Sanidade, así como outras protestas e, sobre todo, se dá apoio aos veciños que se están a mobilizar. Fronte a iso, "o Goberno municipal non fixo nada de nada", lamenta.

"Mellor non enfermar en verán , esa é a conclusión que o Sergas quere que saquen os veciños", reflexiona o nacionalista.

Comentarios