Filloas para estrear a troula en Poio

Éxito da primeira edición da festa para enxalzar os doces do Entroido, na que ata houbo opcións para persoas intolerantes ao glute ou á lactosa
Xogos e reparto de doces na Festa da Filloa, que este venres se estreou en San Xoán. RAFA FARIÑA
photo_camera Xogos e reparto de doces na Festa da Filloa, que este venres se estreou en San Xoán. RAFA FARIÑA

A estrea da Festa da Filloa de Poio, celebrada este venres na Praza do Mosteiro, en San Xoán, serviu para marcar o inicio das festas carnavaleiras no municipio do fondo da ría, onde as celebracións se prolongarán ata mediados do mes de marzo e terán un dos puntos álxidos no desfile que percorrerá o centro do concello este domingo, pola tarde.

Na xornada do venres os escolares do municipio, pola mañá, e nenos e maiores, pola tarde, déronlle a benvida ás festas do Rei Urco con todo tipo de desfiles. A convocatoria da Festa da Filloa, que se desenvolveu desde as seis da tarde, destacou polo poder de atracción entre maiores e cativos e polo interés que espertou a degustación gratuíta dos manxares do Entroido. A cita contou incluso dun fogón no que se realizaron en exclusiva filloas aptas para as persoas con intolerancia ao glute ou á lactosa, tratando así de que o encontro fose todo o inclusivo que se pode pedir, ao estar destinado ao público infantil.

Ademais das degustacións gratuítas, houbo actividades para os máis cativos como bailes, xogos e moita troula. Os nenos demostraron que teñen gañas de vivir o Entroido desde o primeiro minuto e acudiron xa disfrazados a esta cita. En canto aos centros escolares, toda a comunidade educativa se implicou en conseguir que a data que dá paso ao descanso de Entroido fora inesquecible para o alumnado. Non faltaron desfiles na contorna dos centros en Samieira, Combarro, Chancelas e San Xoán, e mesmo, en San Salvador, o CEIP Viñas sacou as súas mellores galas á PO-308 para gozar dun desfile na Praza do Adro da Igrexa. A xornada de este venres foi o gran aperitivo dunha programación que continuará este domingo ás 17.00 horas coa saída do desfile principal de Entroido, desde a avenida da Porteliña, en San Salvador. O Concello lembra que as persoas interesadas en participar nos certames de disfraces individual e de parellas aínda poderán anotarse entre as 15.30 e as 16.15 horas do propio día da cita, tanto en categoría de adultos como a programada para os máis cativos. O Concello destinará máis de 3.700 euros aos premios que se repartirán nesta xornada, na que se descobrirá tamén o disfrace deste ano do Galo Fodorico.

Comentarios