As filloas de Pepe Solla darán comezo ó Entroido confinado de Poio

O Concello anima aos veciños a implicarse con disfraces desde a casa e seguindo a receita do reputado cociñeiro de Casa Solla
Participantes do concurso de disfraces convocado por EnPoio. DP
photo_camera Participantes do concurso de disfraces convocado por EnPoio. DP

As redes sociais, o elemento que xa solucionou outros momentos cruciais da vida social dos concellos en etapas anteriores da pandemia, serán de novo a solución para que o Entroido non pase desapercibido nun ano no que toda festa, contacto social ou reunión na rúa están prohibidos.

O Concello de Poio deu a coñecer onte os primeiros detalles do se programa de Entroido, co que animan aos veciños a participar desde casa con fotos, publicacións nas redes sociais, ou mesmo seguindo tutoriais de Youtube.

Disfraces EnPoioDe feito, con esta vía será como se estree a festa do Entroido a nivel municipal, xa que o reputado chef Pepe Solla será o encargado de dar un pistoletazo de saída simbólico ao evento virtual, cun titorial no que ofrecerá os seus mellores trucos para facer filloas. Será o vindeiro 12 de febreiro, e a elaboración poderá seguirse pola canle de Facebook de Poio Cultura e terá continuidade con outras publicacións similares.

Outro dos protagonistas defendidos tradicionalmente en Poio son os choqueiros. Para eles, e para os que este ano queiran troula na casa e non poidan adquirir disfraces ou realizar moito investimento, a cita será o día 13. Nesa xornada, para reivindicar o valor dos choqueiros e choqueiras, o Concello anima a disfrazarse deste xeito á veciñanza e a publicar as imaxes nas redes sociais. #Choqueirízate será o lema desa proposta.

Dadas as circunstancias actuais, co obxectivo de manter viva a tradición do Entroido de Poio e darlle a maior difusión e relevancia posible, apostarase tamén pola transmisión dunha peza audiovisual moi especial, que se difundirá a través das redes sociais do Concello o vindeiro 14 de febreiro, que, en condicións normais, sería un dos días máis importantes da programación habitual, ao ser o domingo de Entroido.

Disfraces EnPoioPor último, a concelleira de Cultura avanza que tamén se están a ultimar novas iniciativas de cara ás últimas semanas de febreiro, nas que os choqueiros ou o Galo Fodorico "tamén serán protagonistas".

A edil de área, Raquel Rodríguez, desexou que a veciñanza "se implique co Entroido de Poio nas súas casas, cos seus convivintes, dun xeito seguro, á espera de que, se todo vai ben, poidamos retomar a programación habitual o ano que vén". A súa vez, destacou a gran implicación dos colectivos do municipio, "protagonistas, ano tras ano, desta festa".
 

EnPoio convoca un concurso de disfraces e xa ten os primeiros participantes

Os poienses xa están a adaptarse ao Entroido virtual deste ano. De feito, a asociación EnPoio, que une a varias empresas do municipio, convoca un concurso en redes sociais no que están chamados a participar todos os veciños (adultos ou nenos) e nos que hai catro premios distintos valorados en cen euros, un deles, especialmente pensado para o público infantil. O prazo para presentarse a este certame remata o día 14, e a asociación explicará en breve como se escollerán os mellores disfraces.

Comentarios