E por fin a Saleta se reconciliou co mar

Decenas de barcos acompañaron á santa no seu tradicional percorrido marítimo dende o porto de Raxó ► A celebración puido recuperarse no seu esplendor tras tres anos marcados polas inclemencias meteorolóxicas e pola pandemia
Procesión terrestre da virxe da Saleta. JAVIER CERVERA
photo_camera Procesión terrestre da virxe da Saleta. JAVIER CERVERA

Non foron dous, senón tres os anos que levaba a patroa de Raxó, a virxe da Saleta, sen navegar a bordo dos barcos baixo o sol na tradicional procesión martítima que, dende a recuperación da festa, no ano 2018, sufriu diferentes percances, e que nesta edición por fin puido celebrarse en todo o seu esplendor.

E é que, tras 30 anos sen celebrarse, a festividade volveu ás rúas de Raxó en 2018. Sen embargo, na seguinte edición de 2019, a procesión marítima tivo que adiarse por mor da previsión de choivas, que finalmente reapareceron de xeito intermitente oito días despois, na xornada sinalada para procesionar, deslucindo a celebración. Os seguintes dous anos posteriores da pandemia marcaron a inactividade festiva a nivel xeral, que tamén afectou á festa na honra da santa e á procesión.

Pero, finalmente, unha pandemia despois, a Saleta volveu procesionar nun acto ao que asistiron decenas de veciños e veciñas de Poio e que, ademais do labor da Comisión de Festas de Raxó, contou co apoio do Club Náutico da parroquia, que facilitou o acceso dos barcos para a procesión marítima, garantindo o fondeo nas boias libres da súa lámina de auga, ademais de poñer a disposición da procesión ao seu persoal de Marinería.

Unha vez rematada a misa, prevista para as 17.30 horas, decenas de veciños e veciñas procesionaron por terra seguindo á santa ata o porto, onde a agardaban decenas de barcos. Unha vez que a figura embarcou para realizar o tradicional percorrido, foi seguida de preto pola flota acompañante, con numerosas persoas a bordo, nun acto que se prolongou ata a última hora da tarde.

Dende o embarcadoiro, tamén numerosos asistentes agardaron para seguir de lonxe a travesía, ata o regreso da virxe que, tras desembarcar, foi conducida novamente ao templo, consolidando así unha exitosa xornada unha tradición que, agora, tamén forma parte das xeracións máis novas da parroquia.

Procesión marítima. JAVIER CERVERA
Procesión marítima. JAVIER CERVERA

Panorama e El Combo Dominicano

Horas despoida da procesión, por fin chegou o agardado broche de ouro das Festas da Saleta que, dende o seu anuncio o pasado mes de abril, xerou unha gran expectación na parroquia de Raxó e tamén en todo o municipio. Trátase do agardado man a man entre a orquestra Panorama e El Combo Dominicano que, tal e como apuntaba, resultou todo un éxito na explanada festiva a ritmo de reguetón, cumbia e bachatas que conquistaron aos centos de veciños e veciñas que se congregaron no lugar.

A verbena, que se iniciou xa pasadas as 21.00, prolongouse ata altas horas da madrugada cun pico de asistencia moi considerable que tivo lugar dende as 23.00. Os grandes éxitos de El Combo como Dale vieja ou La cucaracha, acompañados polos ritmos potentes e a posta en escena da Panorama, deixaron un listón moi alto no eido verbeneiro da provincia, que agora ten un dos seus epicentros en Raxó.

Comentarios