Fodorico Augusto Bastante, un galo para os corredores da comarca de Poio

A tradición do galo Fodorico Augusto Bastante, hoxe recuperada pola Asociación O Ronsel, comezou hai 31 anos a partir do recordo dun xogo popular poiense no que os galos, en vez de desfilar,servían de flamante trofeo
A asociación O Ronsel colleu o testemuño da tradición do galo. GONZALO GARCÍA
photo_camera A asociación O Ronsel colleu o testemuño da tradición do galo. GONZALO GARCÍA

Quen ía imaxinar que o Galo Fodorico Augusto Bastante sería, ademais dun dos protagonistas do Entroido poiense, un trofeo para os xogadores máis hábiles. Pois Fodorico, ao que toda a veciñanza acostuma ver coas súas plumas flamantes presidindo a comitiva do desfile cada 23 de febreiro, xa viviu peores momentos na súa traxectoria. O galo foi, nos seus inicios, o premio polo que competían os corredores da chamada Corrida do Galo, un xogo popular que se comezou a celebrar en Arís, un pobo de Poio, que, coma outros pobos galegos nos que tamén quedan vestixios destas carreiras, sempre con diferente trofeo, inxeniou unha actividade do máis curiosa.

No Entroido de Arís, cando Fodorico aínda non era Fodorico, os veciños colocaban unha corda dun lado ao outro dunha praza, e penduraban laranxas dun bimbio, que os chamados corredores debían ir batendo cos ollos tapados. O que máis laranxas lograba abater, resultaba ser o merecedor do trofeo: un galo de curral que, de seguro, sería útil para a familia.

Segundo os arquivos do Concello de Poio, o galo Fodorico Augusto Bastante foi bautizado en Arís o 18 de febreiro de 1992 como Foderico Agusto Bastante. Nese ano comezouse a practicar a montaxe desta figura para o desfile e posterior enterro, en homenaxe a aquela Corrida do Galo que os veciños e veciñas lembraban. Non se atoparon, ata o momento, datos exactos de cando comezou a celebrarse a tradicional carreira que deu orixe a Fodorico. Sen embargo, Elena Barral, presidenta da asociación O Ronsel de O Sartal, actual encargada da elaboración do galo, asegura que a carreira data "do tempo dos meus avós ou incluso moito antes". E, coma todas as tradicións, a da Corrida do Galo tamén ten a súa historia. "Parece ser que comezou a facerse na casa dunha veciña do lugar, a señora Vidalima, que faleceu hai dez anos ou máis, xa moi maior. Pode haber máis de 50 anos", di.

Así, este xogo pasou ao pobo de Arís, que utilizou a figura daqueles galos que servían de trofeo para iniciar outra tradición, a do galo Fodorico, que este ano cumpre 31 anos.

O RONSEL. Cando a asociación encargada da elaboración do galo en Arís colgou as plumas hai 12 anos, o pobo veciño, O Sartal, organizouse para que a tradición non se perdera. Así, O Ronsel asumiu a responsabilidade de elaborar cada ano un galo recheo de palla con esquelete de cartón e cuberto de plumas por fóra, que o Concello de Poio nomeou representante do Entroido do municipio, despois de que a asociación cambiara algúns detalles da celebración para darlle entidade. Así, dunha pequena festa no pobo de Arís, Fodorico pasou a percorrer cada 23 de febreiro as principais rúas de Poio, para enterrarse en marzo -este ano o día 7- e volver a renacer.

Agora é Elena quen se encarga de elaborar a roupa do galo, unha tradición da que se descoñece o momento da súa orixe, e que constitúe un dos atractivos máis singulares do galo, cuxo tamaño e materiais de fabricación foron variando ao longo do tempo. Máis grande ou máis pequeno, o que é seguro é que Fodorico lucirá flamante no desfile, no que promete estrear unha vestimenta que, segundo Elena, "custou moito decidir". Desvelarase deste domingo nunha semana.

Comentarios