miércoles. 27.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.01.2021
El tiempo

Forcarei da visibilidade á vida cotiá das mulleres a mediados do século XX

Imagen del rural de Forcarei. ADP
Imagen del rural de Forcarei. ADP
A exposición, financiada pola Deputación, estará aberta de luns a venres ata o 15 de xaneiro

A vida cotiá e o traballo das mulleres do concello de Forcarei en torno aos anos 50 do século pasado centran a exposición Paseos con Mulleres que este venres se presentou na casa consistorial para dar visibilidade e poñer en valor o labor feminino rural. A alcaldesa, Verónica Pichel, abriu a mostra acompañada pola deputada provincial Victoria Alonso, a comisaria da exposición, Sofía Gutiérrez, a concelleira Paula Vázquez e a responsable de Servizos Sociais, Elena Magariños.

O proxecto pretende dar un paso cara o empoderamento feminino como estratexia contra as violencias machistas e amosar parte da realidade das mulleres de Forcarei, ollando o traballo que tradicionalmente realizaron neste municipio, unha acción imprescindible para entender o pasado e o presente do municipio e a súa contorna. A Deputación concedeu ao Concello unha axuda de máis de 5.500 euros para desenvolver esta iniciativa.

A mostra estará aberta no salón de actos da casa consistorial ata o vindeiro 15 de xaneiro de luns a venres, en horario de 8:00 a 15:00 horas. Recoméndase solicitar cita previa. Poderase facer unha visita guiada con Sofía Gutiérrez en sábado, enviando unha solicitude ao correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 986 75 50 36.

Durante as últimas semanas, preto dunha trintena de mulleres de entre 70 e 101 anos participaron en entrevistas persoais para contar as súas experiencias, moitas delas reflectidas na mostra, ou cederon fotografías desa época, con mulleres realizando as súas actividades máis habituais.

Deste xeito, a exposición analiza como elas foron tradicionalmente o piar fundamental do traballo reprodutivo, encargándose das tarefas do fogar e da atención e coidado de [email protected] e persoas dependentes, e de boa parte do traballo produtivo, sobre todo relacionado co campo, a labranza e o coidado dos animais.

A emigración, principalmente a outros lugares de Europa, os momentos de ocio, a menstruación ou o trato diferenciado a homes e mulleres tamén están moi presentes na mostra.

Forcarei da visibilidade á vida cotiá das mulleres a mediados do...
Comentarios