Forzáns constituirá unha plataforma de protesta contra o encoro de Oitavén

A reunión será este sábado ás 17.00 no Centro Sociocultural e nela unirán forzas máis de 80 colectivos


 
20 30 POnte Caldelas Rotonda de CARITEL Manifa dos 4 bng de Fornelos A Lama Ponte Caldelas e Soutomaior contra o encoro GRAF (_G4A1929.JPG)
photo_camera Unha das manifestacións contra o encoro. G.G.

Máis de 80 colectivos ecoloxistas, comunidades de montes, asociacións de veciños, comunidades de augas, organizacións culturais, sociedades de caza e pesca, asociacións de mulleres rurais e particulares afectados de Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, A Lama e Soutomaior unirán as súas voces para manifestar o seu rexeitamento á construción dun encoro no río Oitavén e contra o trasvasamento de auga desde o río Verdugo.

Así o anunciaron os veciños implicados na posta en marcha dun colectivo que se está mobilizando desde que pouco antes de Semana Santa, se coñecese o resultado do informe encargado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para dar solución ás eivas do abastecemento de Vigo en caso de seca.

Tal e como anuncian os veciños, este sábado a partir das 17.00 horas celebrarase unha reunión no Centro Sociocultural de Forzáns no que os colectivos se constituirán en plataforma de defensa do río.

Os veciños do lugar máis afectado, en Forzáns, sinalan que os colectivos que se amosaron xa en contra do encoro no río Oitavén e o trasvasamento no Verdugo figuran máis de 30 comunidades de montes, 14 asociacións de veciños, 12 comunidades de augas, dez asociacións culturais, cinco asociacións de Mulleres Rurais, cinco sociedades de caza, varias entidades ecoloxistas e conservacionistas, entre elas, A Rente do Chan-Pladever, e a Asociación Mariana Luso Galaica.

A asemblea aberta dotarase de elementos de autoorganización e comisións de traballo para opoñerse a esta proposta, desde a elaboración de estudios técnicos que avalen a imposibilidade de acometer o encoro e o trasvasamento así como a elaboración de informes xurídicos, actividades de concienciación veciñal, mobilizacións e outras accións.

Na mesma convocatoria, tamén está previsto que se refrende un manifesto que recolle en profundidade as consecuencias negativas que tería a implantación desta proposta para os ríos Verdugo e Oitavén e para toda a veciñanza da comarca e como colofón, apostando pola vía do diálogo, desde a nova entidade  proporanse medidas paliativas para unha mellor xestión da auga e a protección dos recursos hídricos e marisqueiros.

Desde que se anunciou a idea do encoro convocáronse xa varios encontros veciñais, dúas manifestacións de repulsa e Pladever organizou unha xornada arredor na que participou o divulgador e ecoloxista Joaquín Araújo. Asemade, este domingo, haberá unha nova manifestación ás 12.00 que parte de diante do Concello caldelán.

Comentarios