Fotoxornalismo que percorre o presente e o pasado de Combarro

A asociación A Solaina e o Concello de Poio inauguran unha segunda exposición no Casal de Ferreirós que recolle o traballo de varios fotoxoralistas das cabeceiras destacadas de Galicia
Asistentes á inauguración da exposición de fotoxornalismo. ANXO LORENZO
photo_camera Asistentes á inauguración da exposición de fotoxornalismo. ANXO LORENZO

O Concello de Poio segue a conmemorar o 50 aniversario de Combarro como Conxunto Histórico e nesta ocasión da man da asociación A Solaina puxeron en marcha unha exposición titulada Fotoperiodismo, Combarro na prensa local. Esta mostra recolle o traballo de diversos fotoxornalistas entre os que se atopan os profesionais do Diario de Pontevedra Rafa Fariña e Gonzalo García. A exposición fotográfica estará aberta ao público ata o 31 de agosto no Casal de Ferreirós. Ademais, tamén permanecerá aberta a exposición complementaria que se atopa na oficina de Turismo de Combarro.

No acto de presentación deste venres acudiron o alcade de Poio, Luciano Sobral; a Concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio); o director de Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez, o delegado en Pontevedra de La Voz de Galicia, Christian Casares, así como Rafael Vallejo e Antón Briones da asociación A Solaina

Sobral e Díaz, como membros do equipo municipal, agradeceron e valoraron positivamente a iniciativa da asociación. "Hai que valorar o voso traballo que para nós ten moito valor e é un arquivo do noso pobo e un espello do que somos na nosa historia máis recente", dixo a concelleira de Turismo. Pola súa banda, o alcalde de Poio tamén quixo salientar a importancia dese arquivo que crean os fotoxornalistas.

Por outra banda, o director do Diario de Pontevedra deu a noraboa á A Solaina e ao Concello de Poio pola incitiaviva e polo resultado. "Gustaríame interpretar isto coma unha homenaxe aos fotoxornalistas que son unha peza clave do noso traballo" e destacou que "eles son máis que fotógrafos, son xente que analizan e interpretan coa súa cámara o que acontece". En canto ao traballo dos fotógrafos quixo destacar as súas aptitudes para facer un bo traballo tendo pouco tempo. O director do diario puxo en valor o percorrido xornalístico en Galicia, con sete cabeceiras centenarias e, sobre todo, o traballo no correspondente á información local que "é un tesouro a conservar".

Comentarios