A Fundación Bóveda premia este ano ao galeguista Xosé María López de Guereñu

O acto de entrega do galardón terá lugar este venres en Poio durante a celebración do Día da Galiza Mártir

Homenaxe a Bóveda en Agosto do ano pasado no monumento adicado á súa figura na Caeira, en Poio. A. SOTELO
photo_camera Homenaxe a Bóveda en Agosto do ano pasado no monumento adicado á súa figura na Caeira, en Poio. A. SOTELO

Actos del 17 de agostoA Fundación Alexandre Bóveda premiará este ano a Xosé María López de Guereñu. O galardón, que chega á súa décima terceira edición, entregarase o venres en Poio con motivo da celebración do Día da Galiza Mártir. O promotor e cofundador da fundación foi militante do Partido Galeguista baixo a dirección de Ramón Martínez López. Tamén foi vicepresidente da entidade entre os anos 1990 e 2003, un posto que actualmente ocupa Amalia Bóveda, a única filla viva de Alexandre Bóveda, que foi fusilado polos sublevados da Guerra Civil o 17 de agosto de 1936 nun monte da Caeira, moi preto da casa na que vivía coa súa familia.

A través da súa páxina web, a fundación recoñece o "esforzo e labor do grupo fundacional da entidade" que mantén viva a memoria do intelectual galeguista asasinado. Tamén fará unha mención especial aos seus dous primeiros presidentes, Manuel Beiras García e Fernando Quintela, que lideraron a institución, durante os actos do Día da Galiza Mártir.

A xornada do venres, que contará con diversas celebracións que terán lugar entre os concellos de Poio e Pontevedra, incluirá un recoñecemento a Xosé Manuel Beiras Torrado, quen participou na creación da Fundación Alexandre Bóveda. O político nacionalista recibirá, xunto a Dolores Gallego, viúva de Fernando Quintela, unha edición facsímile do cartel que o deseñador Vidarte elaborara en favor da campaña pro Estatuto de 1936 durante o xantar anual organizado no Parque da Memoria de Poio con motivo da efeméride do 17 de agosto.

ANTECESORES. O Premio Galiza Mártir distinguiu o ano pasado ao doutor en Historia e profesor honorario da Universidade de Deusto Xosé Estévez Rodríguez.

O primeiro galardón deste tipo concedeuse en 2006 a Mariví Villaverde, escritora, filla do primeiro alcalde republicano de Vilagarcía e vítima do exilio franquista.

Comentarios