A gala de Campo Lameiro logra reunir 10.137 euros para La Palma

O Ayuntamiento de Los Llanos de Aridane recibirá a recadación total, que aínda se mantén aberta por se chegan máis doazóns
O bar instalado para recadar fondos e as furnas nas que se podían deixar donativos no festival. DP
photo_camera O bar instalado para recadar fondos e as furnas nas que se podían deixar donativos no festival. DP
Os afectados pola erupción do volcán de Cumbre Vieja, en La Palma, recibirán unha achega de 10.137,46 euros procedentes das entradas vendidas para presenciar a Gala Solidaria Campo Lameiro con La Palma, organizada polo Concello con colaboración de múltiples entidades e colectivos.

Os donativos recollidos durante unha misa que se celebrou, así como nas furnas habilitadas no entorno do festival así como polos beneficios obtidos pola Taberna Solidaria ubicada nas inmediacións do palco do festival benéfico celebrado o pasado 31 de outubro na Praza do Concello chegaron a superar a barreira psicolóxica dos 10.000 euros.

Malia todo, os organizadores esperan aumentar aínda máis esta cifra para o cal manterán aberta durante todo o mes de novembro a conta ES88 2080 5106 7930 4001 1383 co fin de que particulares e empresas afincadas no termo municipal e proveedores do Concello ás que se lles remitiu unha carta pedíndolles solidariedade poidan aínda facer as súas achegas.

"Aínda que a participación foi moi numerosa, estou seguro de que si non fixera tan mal tempo viría máis xente incluso de concellos do arredor que nos animaron e felicitaron pola iniciativa e que dalgún xeito estarían dispostos a colaborar", explicou o alcalde, Carlos Costa, que agradeceu "a xenerosidade dos artistas, cantantes, músicos, montadores, técnicos de son, colaboradores e veciños polo seu esforzo e o seu sacrificio para que todo saíra tan ben".

LOS LLANOS. Costa manifestou o desexo de que a cantidade recadada tivera sido aínda maior e explicou que os fondos se entregarán ao Ayuntamiento de Los Llanos de Aridane, un dos máis afectados pola expansión das coladas de lava sobre vivendas, cultivos e infraestruturas.

O Concello agradeceu a todos e cada un dos artistas, músicos, agrupacións, etc. participantes neste evento cun pequeno agasallo, un prato de Sargadelos conmemorativo do seu paso por este festival benéfico.

Tamén colaborou no financiamento a Gala Xacobeo 21-22, polo que foron desplegadas bandeirolas e pancartas alusivas a este evento galego de proxección mundial, así como Setga, que se fixo cargo do pago das carpas.

Toda a montaxe eléctrica do espectáculo e demais instalacións foi unha contribución altruísta da empresa local Electricidad Gómez Viéitez.

Comentarios