Galaxia reeditará 'Cancioneiro de Cotobade' en homenaxe a Antonio Fraguas

Jorge Cubela destacou que esta publicación "está moi vencellada ao noso concello e pode mesturarse coa música, o que lle outorga un valor engadido que nos permitirá chegar a moita máis xente"

Unha das reunións do rexedor cos responsables da Editorial Galaxia. DP
photo_camera Unha das reunións do rexedor cos responsables da Editorial Galaxia. DP

O Concello de Cerdedo-Cotobade contará con programación propia en homenaxe a Antonio Fraguas durante o ano 2019, no que se lle adicará o Día das Letras Galegas.

O Concello vén de anunciar que a primeira iniciativa desta celebración será a reedición de Aportacións ó Cancioneiro de Cotobade, unha obra publicada en 1985 pola Fundación Otero Pedrayo.

Este traballo vai saír adiante da man da Editorial Galaxia, coa que o presidente municipal, Jorge Cubela, mantivo unha primeira reunión de traballo na súa sede de Vigo a finais de setembro.

Nesa xuntanza abordáronse os detalles iniciais desa reedición, que vén de concretarse e que vai incluír un disco con 13 temas musicalizados no que vai colaborar Sonsoles Martínez, veciña de Tenorio.

EMBLEMÁTICA. O presidente municipal, Jorge Cubela, explicou que esta publicación "é moi emblemática na bibliografía de Antonio Fraguas e ademais está moi vencellada ao noso concello e pode mesturarse coa música, o que lle outorga un valor engadido que nos permitirá chegar a moita máis xente a través da diversificación das distintas ramas culturais".

O "grande obxectivo" para o ano 2019 por parte do Goberno Local de Cotobade será a difusión da figura de Fraguas, segundo explicou Cubela, que adiantou que se está a traballar "nun amplo repertorio de actividades que estarán pensadas para aproximar a nosa cultura á xente".

Ademais, engadiu que a intención do Concello de Cerdedo-Cotobade pasa por "aproveitar todo o ano con actividades arredor de Fraguas e non limitarse ás datas máis próximas ao 17 de maio". "Queremos espremer o Ano Fraguas e imos comezar coas nosas actividades dende comezos de 2019", detallou.

"Cremos que as Letras Galegas axudan a construír a identidade e a cultura do noso país, algo co que estou plenamente comprometido, e debemos facelo entre todos e todos os días. Agora, a Cerdedo-Cotobade tócalle a responsabilidade e a honra de liderar este proceso e, xunto ao meu Goberno, vou deixar a pel para que toda Galicia se sinta orgullosa do galego e das nosas letras e para que todos os galegos coñezan moito máis unha figura indiscutida e indiscutible como a de Antonio Fraguas", concluiu o primeiro edil.

Comentarios