Galicia Nomeada buscará colaboradores en Ponte Caldelas para recuperar a toponimia

A iniciativa xa suma máis de 150 novos rexistros toponímicos pero aspira a pode realizar o mapa dos nomes de lugar de todo o municipio caldelán
Vista de la aldea de Cuñas, en Ponte Caldelas. DAVID FREIRE
photo_camera Vista de la aldea de Cuñas, en Ponte Caldelas. DAVID FREIRE

A proposta Toponimízate. Falámosche dos nomes túa terra chega esta semana a Ponte Caldelas e a Maceda

A campaña coordinada pola Real Academia Galega co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrecerá este venres unha sesión en Ponte Caldelas cunha actividade aberta a todo o público, no centro cultural da vila a partir das 20.00 horas. Será o colofón dunha semana que se iniciará mañá cunha charla no IES de Maceda.

Toponimízate quere divulgar a riqueza toponímica de Galicia, que fai do país un lugar único no mundo pola insólita abundancia de nomes tradicionais que nomean case palmo a palmo o territorio; e involucrar a poboación de todas as idades e de todos os concellos galegos na recollida e xeolocalización dos microtopónimos aínda non rexistrados empregando a aplicación Galicia Nomeada. 

O coordinador técnico da plataforma, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, explicaralles ademais ás persoas asistentes a orixe e o significado dos topónimos que designan as parroquias e aldeas de ambos os municipios, unha información elaborada coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.

En Ponte Caldelas o obxectivo será sumar persoas á tarefa de recuperación da toponimia xa iniciada por diferentes colaboradores. Ata o de agora, o traballo destas persoas voluntarias serviu para que se engadiran arredor de 150 topónimos desde a posta en marcha de Galicia Nomeada, a finais do ano 2019. 

Con todo, a maior parte do territorio deste concello pontevedrés está aínda sen traballar, polo que se procurará transmitir tamén a urxencia desta tarefa para poder debuxar con palabras o mapa máis preciso e descriptivo do territorio de Ponte Caldelas.

Con estas dúas charlas planificadas para esta semana serán xa unha ducia as impartidas nesta nova temporada da campaña Toponimízate. A derradeira sesión será en Narón o 1 de decembro.

Comentarios