miércoles. 19.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 19.01.2022
El tiempo

De Giráldez: "Gústame expor entre estes muros seculares"

Diego de Giráldez, co alcalde, na inauguración da mostra. DP
Diego de Giráldez, co alcalde, na inauguración da mostra. DP
O artista impulsor do movemento NAS acude con 17 obras pictóricas e tres esculturas á súa cita con Poio  Suma 37 exposicións no Mosteiro

Cunha parte de obras da súa fase hiperrealista e máis concretamente do seu traballo ruralista e con outra, composta por nove pinturas da súa etapa onírica. Así acudiu o pintor Diego de Giráldez (A Cañiza, 1956) ao seu encontro co Mosteiro de Poio, onde este martes se inaugurou unha exposición cunha pequena escolma do traballo que vén desenvolvendo desde fai 51 anos e que o converte nun dos mellores exponentes plásticos da segunda metade de siglo en Galicia con pezas en 150 museos e salas de todo o mundo.

Giráldez cumpre, con esta visita, 37 encontros co público nunha das salas do Mosteiro de San Xoán, onde as súas obras permanecerán todo o verán. "Gústame expor entre estes muros seculares, onde a pedra parece que leva a pegada dactilar das persoas que pasaron por ela en tempos anteriores e tamén a súa enerxía", explicou o artista, antes de dar detalles da súa selección pictórica e escultórica para este ano.

Fundador do movemento Realismo NAS (Naturalismo, Abstracción e Surrealismo), Giráldez non deixou de beber da actualidade e da pandemia para traballar, e mesmo segue a rematar obras nas que esta está presente, pero só unha das pezas que se poden visitar en Poio se pode entroncar con esa actualidade: trátase dunha representación escultórica da escaseza a través dunha barra de pan na que hai cravado un garfo plateado.

Ao seu lado atópase unha representación do mundo cunha talla dunha man, e moi preto, no centro da sala, a referencia ao Ano Xacobeo: un pé tamén tallado en madeira que parece emerxer do chan e que recolle a escala humana a monumentalidade do Camiño Xacobeo, feito tamén paso a paso, a través dos séculos.

De Giráldez baleira con frecuencia os ambientes nas súas composicións, e deixa a soas ó obxecto ou natureza sobre un fondo negro ou escuro

De Giráldez non dubida en rememorar os tempos nos que coñeceu ao mestre Dalí na súa casa de Figueres para explicar que o seu surrealismo non ten moito que ver co do considerado como un dos máximos expoñenciais deste movemento. "No de Dalí as formas cambian, mentres que eu conservo o que desenvolvín na fase do Realismo NAS, e as figuras permanecen como son, só que dispostas dun modo onírico. Para min, surrealismo é soño, e nel, as figuras aparecen dispostas como tal: perden a súa función, desgravitizo algunhas, e outras gañan gravidade", explicou, amosando detalles dalgunhas das pinturas que se poden ver en Poio. "Esta, denominada Retrato, é unha composición dunha faciana que lle gusta moito aos flamencos, mesmo a Rafael Amargo, por ter dous caraveis na composición", aclara.

De Giráldez baleira con frecuencia os ambientes nas súas composicións, e deixa a soas ó obxecto ou natureza sobre un fondo negro ou escuro, pero, lonxe diso, o autor, en persoa transmite calidez.

Luciano Sobral, o alcalde, encargouse de enxalzar esa faceta e o profundo vínculo que o artista ten con Poio ao recalar, ano a ano, nas salas da súa principal construcción histórica, algo polo que o rexedor se amosou "profundamente agradecido".

De Giráldez: "Gústame expor entre estes muros seculares"
Comentarios