Goberno e Concello recurtan os prazos para a cesión definitiva da Illa de Tambo

A ministra de Defensa, Margarita Robles, e o concelleiro de Urbanismo e Promoción económica, Gregorio Agís, reuníronse en Ferrol para actualizar a folla de ruta do trámite
Gregorio Agís (esq.) coa ministra Margarita Robles e o delegado do Goberno, en Ferrol. CONCELLO DE POIO
photo_camera Gregorio Agís (esq.) coa ministra Margarita Robles e o delegado do Goberno, en Ferrol. CONCELLO DE POIO

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica de Poio, Gregorio Agís (PSOE), e a ministra de Defensa, Margarita Robles, reuníronse en Ferrol para evaluar e analizar os acordos que se recollen na concesión demanial da Illa de Tambo, que entrou en vigor a principios de marzo.

Agís achegoulle á ministra os documentos que o goberno local está a elaborar. Nesta documentación fálase das figuras de protección que se están a tramitar e dos traballos de mantemento, mellora e desbroce que se levaron a cabo na illa.

A ministra amosou o máximo interese no Plan Director e o Plan de Usos que está a desenvolver o equipo municipal e que "permitirá recuperar e poñer en valor a illa dende a perspectiva ambiental, arqueolóxica e patrimonial", segundo lle informou o concelleiro.

Robles trasladou ao edil a máxima colaboración do Ministerio de Defensa a prol de configurar un documento que permita fixar os obxectivos necesarios para a recuperación e posta en valor da illa e así "avanzar xuntos nese propósito".

Deste xeito, Gregorio Agís quixo agradecer "a boa disposición e entendemento en todo o proceso que propiciou que a concesión se fixese realidade podendo dispoñer neste momento dun espazo de gran interese natural, patrimonial e histórico que merece ser ambiciosos nos obxectivos". Tal e como anunciou o concelleiro, tanto o edil como a ministra quedaron emprazados para seguir traballando man a man en prol de avanzar na transferencia definitiva da titularidade da Illa de Tambo, pechando deste xeito todo o proceso.

Respecto ao Plan de usos o socialista xa adiantara nunha visita á illa o pasado mes de xullo que os principais obxectivos son dinamizar e potenciar o turismo na comarca de Poio ofrecendo unha nova alternativa, tendo como prioridade a preservación do entorno natural e, ademais, traballar na solicitude para que Tambo sexa recoñecida como Espazo Natural de Interés Local (ENIL).

Comentarios