O grupo galego De Vacas porá o ritmo na celebración do Día da Matria en Poio

A cita, na que se celebrará o reparto de bandeiras, celebrarase na Praza de Ferreiros, en San Salvador, o mércores, a partir das 19.30 horas
As concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez, este venres. no acto de presentación do Día da Matria. GONZALO GARCÍA
photo_camera As concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez, este venres. no acto de presentación do Día da Matria. GONZALO GARCÍA

O Día da Matria, evento co que o Concello de Poio celebra desde hai uns anos a véspera do 25 de xullo celebrarase o mércores en San Salvador. Marga Caldas, edil de Seguridade Cidadá, e Raquel Rodríguez, responsable de Cultura e Festas, presentaron esta cita que, como explicaron "irá itinerando cada ano por distintos puntos do concello e San Salvador, como un dos lugares máis poboados, será o que o acolla esta ocasión", explicaron.

A cita será na praza do Parque de Ferreiros e iniciarase sobre as 19.30 horas, cunha actuación de Peter Punk para os máis cativos. A intervención irá seguida polo acto institucional e da entrega de bandeiras, nos que participarán Marga Caldas, o deputado do BNG Xosé Luís 'Mini' Rivas e o alcalde, Luciano Sobral. Hai xa 30 reservas de bandeiras por parte dos particulares, e a estas peticións hai que sumar as das asociacións. "Nós o que queremos é que Poio estea engalanado coas bandeiras no Día da Patria, así que animamos aos veciños a solicitalas", indicou Caldas.

Tanto na páxina web do Concello de Poio como nas oficinas municipais pode reservarse a enseña. A festa despedirase ás 21.30 co concerto de De Vacas, unha formación vocal aclamada polas súas versións feministas e en galego de temas icónicos do pop.

Comentarios