Guía do Medio Natural, o ciclo 'comecartos' do IES de Poio

Profesores, alumnos e familias protestarán no centro este venres pola falta de suplemento económico que merma o orzamento xeral destes centros. Precisan 50.000 euros máis para alugar material e estancias deste FP
Guia do medio natural POIO
photo_camera Unha das formacións do ciclo de Guía do Medio Natural de Poio. DP

Hai un par de semanas, unha 'captura' dunha notificación de Abalar, o programa da Xunta para a comunicación entre os centros educativos e as familias, saltaba ás redes sociais e causaba preocupación en Poio. Un departamento do Instituto de Educación Secundaria, o de Historia, víase obrigado a cancelar unha visita que ata o momento se fixera sempre: o percorrido polo Parque da Arte Rupestre de Campo Lameiro con todos os alumnos de Primeiro da Eso. O motivo foi a falta de fondos do departamento para pagar o transporte desta cita, que, se ben outros anos se puidera realizar, este ao carecer de cartos o departamento, tivo que ser suspendida.

Guia do medio natural
Unha das formacións de kaiak do alumnado de Guia do medio natural en Poio. D.P.

A situación do Departamento de Historia non é atípica, senón a normal neste curso no centro, no que están pasando moitas limitacións orzamentarias por mor do desfase que supón asumir os gastos correntes dunha das formacións impartidas: a FP de Guía do Medio Natural e do Tempo Libre. 

No IES de Poio, ao igual que nos centros IES Pintor Colmeiro, de Silleda, IES Porto do Son e IES Terra Turonio, de Gondomar, imparten desde o curso 21-22 esta formación que ten uns requerimentos moi específicos, xa que debe capacitar ao alumnado para ser monitores e monitoras expertos de materias como natación, canoa, barranquismo, guía de baixa e media montaña e equitación, mediante  saídas a instalacións que é preciso alugar para realizar a programación. 

Guia do Medio Natural Poio1
Unha das formacións de barranquismo do alumnado de Guia do medio natural en Poio. D.P.

Do mesmo xeito, aínda que os alumnos e alumnas se pagan os transportes e estadías, é preciso que teñan material específico como cordas, cascos e chalecos provistos polo centro que deben ser renovados ou auditados con certa frecuencia. Ademais, o alumnado, tanto menor de idade como o maior que se suma a esta formación, debe contar con seguros.

Para capacitar aos alumnos como guías de montaña, kaiak e hípica é preciso alugar espazos e saídas por valor de 50.000 € ao ano


Todo isto está a facerse desde hai un tempo sen que os centros afectados, entre eles, o de Poio, teñan unha partida orzamentaria suplementaria e específica da Xunta. É dicir, que o centro conta cos mesmos 90.000 euros de que dispoñía antes de que Educación asignara esta Formación Profesional ao IES. Só no curso que se pecha, o orzamento da parte material desta docencia foi de 50.000 euros.

A Xunta asignou este FP a Poio, pero non incrementou o orzamento do centro, que xa non ten cartos para ningún outro departamento e foi preciso suspender actividades como a excursión de primeiro da ESO a Campo Lameiro

Deste xeito, o centro, que ten uns 500 alumnos dos que 40 cursan esta especialidade, viuse obrigado a destinar todo o remanente aforrado en anos pasados e os recursos dispoñibles para as actividades extracurriculares de todos os alumnos para abordar gastos como o alugueiro de instalacións externas: hípica, piscina, paddlesurf, vela, kaiak, piragüismo e socorrismo, ou o mantemento das bicicletas, cordas e certificación do rocódromo.

O centro dispón un orzamento de 90.000 euros e ten máis de 500 alumnos e alumnas, dos que uns 40, están na FP de Guía

O centro, ao igual que os seus homólogos afectados, mantivo reunións para solicitar un suplemento orzamentario que é preciso, pero, ata o momento, e despois de que a directora xeral de FP os recibira, non teñen resposta. Por este motivo, as familias, alumnos e docentes iniciarán este venres protestas para acadar unha dotación específica para o curso 24-25. En caso contrario, advirten de que só queda anular as actividades do ciclo incumprindo a lei e o currículo.

Comentarios