O histórico edil do BNG de Poio, Xulio Barreiro, renuncia á súa acta

Centrarase na súa actividade profesional tras case 30 anos da súa chegada ao Concello ▶ Iago Garrido tomará posesión no Pleno
Xulio Barreiro Lubián. BNG
photo_camera Xulio Barreiro Lubián. BNG

Case 30 anos despois, a despedida do BNG do Goberno local de Poio será tamén a do histórico concelleiro Xulio Barreiro, que fixo carreira política no Concello poiense durante todo o Goberno do tamén histórico alcalde Luciano Sobral. Barreiro anunciou este sábado a través dun comunicado emitido polo partido a súa renuncia á acta de concelleiro que lle correspondería como número dous da formación liderada por Marga Caldas, e na que concorreu ás últimas eleccións municipais do pasado 28 de maio.

Faino por motivos laborais e persoais. En primeiro lugar, para "adicar máis tempo" á súa actividade profesional e, en segundo lugar, pensando tamén na súa vida persoal. A pesar disto, o motivo da renuncia, que nos últimos días xa era un segredo a voces, ten que ver tamén con "deixar paso a un equipo novo e renovado que tome o relevo na política municipal", e que continuará a conducir Caldas de cara aos vindeiros anos.

Precisamente, collerá o relevo da súa acta o actual presidente do Club Balonmán Poio, Iago Garrido, que será quen tome posesión no vindeiro Pleno extraordinario previsto para o vindeiro sábado.

Actualmente, Barreiro é concelleiro de Facenda en funcións polo BNG poiense, e no último mandato capitaneou as áreas de Economía e Facenda, Novas Tecnoloxías e tamén Patrimonio, a excepción dos últimos meses, cando esta última área pasou a mans de Marga Caldas.

Ao longo da súa labor no Concello de Poio, Barreiro chegou tamén a estar á fronte doutras áreas de especial relevancia, como foi a Concellería de Urbanismo, antes de que pasara a ocupala Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), no ano 2015.

Para Barreiro, ante a nova etapa que terá que afrontar o BNG dende a oposición, tras os resultados das últimas municipais, que fixo desdender ao partido a tres edís, perdendo a alcaldía de Poio, "é o momento de dar un paso ao lado", para incorporar "novas persoas con novas perspectivas".

Malia todo, o histórico edil, que acompañou ao aínda alcalde en funcións durante o seu liderado no Consistorio, continuará traballando dende a organización política "para recuperar en catro anos a confianza no proxecto do BNG da cidadanía de Poio".

Deste xeito, os tres edís do BNG na oposición para os vindeiros catro anos serán a líder, Marga Caldas, Iago Garrido e a actual concelleira de Cultura e Educación en funcións, Raquel Rodríguez, como número tres na lista. Pola súa banda, Rodríguez debutou na Corporación no ano 2019, a cargo destas dúas áreas, se ben no último mandato rematou asumindo tamén a Concellería de Normalización Lingüística e a área de Memoria Histórica. Así, o BNG inicia de cara aos vindeiros catro anos un periodo marcado pola renovación e a experiencia do anterior Goberno nas súas filas a partes iguais.

Marga Caldas: "Foi unha verdadeira honra traballar con el"

A responsable local do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Poio, e actual voceira do grupo municipal, Marga Caldas, asegurou comprender a decisión de Xulio Barreiro de renunciar á súa acta, e recoñeceu a "valía, integridade profesional e capacidade de sacrificio" amosada por Barreiro ao longo de todos estes anos. "Eu tiven a fortuna de traballar con el e aprender estes 13 anos. Foi unha verdadeira honra", dixo, en agradecemento á súa labor.

Comentarios