Cartos chaman cartos. O dito popular está converténdose na máis pura realidade no caso da taberna máis lonxeva de Combarro, Hogar del Puerto, un senlleiro establecemento situado en Baixada á Chousa que non precisaría a etiqueta de ser a administración de Lotaría que máis premios reparte en Combarro, posto que xa conta co honor de ser o local hostaleiro máis antigo de toda a vila e un dos máis vellos de Poio, ao sumar 65 anos aberto ao público.
Sen embargo, o traballo e o empeño da familia que rexenta este negocio, encabezada pola veterana Laura Currás (79 anos), está facendo do local un punto de referencia para a compra e selado de boletos, dado que os premios non deixan de chegar.

Así, Hogar del Puerto despediu o ano 2022 acadando o soño de toda administración, dado que repartiron un premio Gordo do Sorteo de Lotaría do Nadal. En realidade vendeuse un único décimo do Gordo que recaeu no 05490 e resultou dotado con 400.000 euros, que levou un único premiado, procedente de Navarra, e que era un dos tantos clientes que chegan a visitar Combarro e que queren probar a levar uns décimos de recordo. Era o segundo primeiro que repartían neste punto, posto que, catro anos atrás, dérase o mesmo caso cun décimo do 03347.
Desde que se iniciou o ano xa fixo outras dúas novas paradas na rúa Baixada á Chousa
O caso é que, a sorte parece ter apuntado a dirección de Hogar del Puerto porque, desde que se iniciou o ano xa fixo outras dúas novas paradas na rúa Baixada á Chousa. A máis recente delas foi este mesmo martes, cun petisco económico consistente nun quinto premio de Euromillones agraciado con 8.764 euros. A cifra non é moi elevada, pero si ten mérito, posto que non houbo acertante de primeira categoría e só tres persoas en toda España deron coa fórmula para obter cinco acertos.
A José Luis Fontán Currás, fillo dos fundadores, parécelle que xa poden falar dunha boa racha, posto que en agosto tamén fixeron match coa fortuna, nese caso cun boleto da Bonoloto que foi premiado con 63.768,89 euros.
Laura, preto xa dos 80 anos, estivo ao frente do establecemento desde os seus inicios e é o motor do mesmo, custodiando a Administración polas mañás
No Hogar del Puerto descoñecen se estes dous últimos premios caeron preto ou se tamén se foron na maleta dalgún dos miles de turistas que visitan Combarro. O que si saben é que esta sucesión de acertos é ben recoñecida polo público, sexan estes mariñeiros que veñen do porto, veciños de toda a vida ou visitantes. "Este ano, ata o momento, calculo que levamos un 20% máis de vendas de Lotería de Nadal do que levabamos en 2022", apunta Fontán Currás.
Polo demais, a realidade deste punto mixto non deixa de ser a de tantos e tantos lugares de venda de lotería: un negocio familiar atendido meticulosamente por tres membros dunha mesma saga: Laura Currás, de 79 anos, cofundadora de Hogar del Puerto, José Luís, o seu fillo, e Saúl, o seu neto, que manteñen aberta a administración toda a xornada.
Dos tres, a que máis o goza é Laura, quen, preto xa dos 80 anos, estivo ao frente do establecemento desde os seus inicios, e tamén no momento en que comezaron a selar quinielas, a inicios dos anos 70. «Ela é motor de todo, segue ao pé do canón todas as mañáns. No establecemento, en total somos seis persoas e ela mantense, sobre todo atenta á venda de lotería».
Con todo, no seo da familia que rexenta o negocio, tamén soñan con que algún día o premio lles toque a eles. «E o certo é que si que xogamos, pero, de momento, a sorte é para os clientes».