viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

A homenaxe póstuma a Pepe Solla poderá seguirse este xoves 'online' en Youtube

José González Solla. DAVID FREIRE (ADP)
José González Solla. DAVID FREIRE (ADP)

Xa está todo preparado para que Poio poida render a homenaxe que merece a un dos seus persoeiros máis importantes: o chef Pepe Solla. Será este xoves, a partires das 19.30 horas, cando o Concello de Poio leve a cabo o recoñecemento a título póstumo en memoria do histórico chef, falecido a principios do ano 2020. Tal e como xa se anunciara previamente, procederase á colocación dunha placa na Rúa do Adro, na parroquia de San Salvador, moi preto do seu domicilio e do Restaurante Casa Solla, do que foi fundador hai varias décadas. Cómpre lembrar que esta iniciativa desenvólvese a través da Concellería de Memoria Histórica e que foi aprobada polo Pleno da Corporación, co apoio de todos os grupos, no pasado outubro.

Tal e como explicou Marga Caldas, o acto cumprirá de xeito estrito con todas as medidas que marcan as autoridades sanitarias. Ademais, o acto, que incluirá intervencións de diferentes personalidades políticas, representantes da familia Solla e o descubrimento dunha placa en recordo de González Solla, poderá seguirse online, a través da canle oficial de Youtube do Concello de Poio. "Esta é a nosa aposta para que todos os veciños e veciñas do noso municipio poidan ser partícipes, aínda que sexa de forma telemática, desta homenaxe tan merecida para unha persoa como Pepe Solla, que sempre amosou o seu orgullo e presumiu das súas orixes de Poio e nos puxo no mapa nacional e internacional grazas a súa impresionante traxectoria», explicou Caldas Moreira, que incidiu en que esta fórmula é a alternativa axeitada ante a imposibilidade de poder organizar un evento máis multitudinario, dada a situación sanitaria.

Está previsto que ao acto asistan, ademais do alcalde, Luciano Sobral, e dos dirixentes municipais e representantes de todos os grupos da Corporación, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. En representación da familia Solla, intervirá Teté Solla, filla do emblemático chef.

A homenaxe póstuma a Pepe Solla poderá seguirse este xoves 'online'...
Comentarios
ç