A hostelería de Poio crea unha plataforma municipal e anuncia mobilizacións

"Esta fin de semana tivemos que tirar ao lixo a mercadoría xa encargada, con perdas de entre o 70% e o 80%", denuncia José Dasilva, propietario de La Mar de Dulce
Terrazas vacías en Combarro. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera Terrazas vacías en Combarro. GONZALO GARCÍA (ADP)

As novas restriccións decretadas polo Goberno autonómico a pasada fin de semana foron "devastadoras" para a hostelería do concello de Poio, que, tras encadear unha tempada na que "resulta difícil seguir a flote", o pasado venres viuse obrigada a "tirar ao lixo" a mercadoría que xa tiña encargada, chegando a rexistrar perdas de "entre o 70% e o 80%", despois de que o peche perimetral do municipio e a prohibición de reunirse non convivintes se decretara "sen marxe de manobra". Así o explica Jose Dasilva, propietario do establecemento La Mar de Dulce, situado en Raxó, que dende este lunes é un dos representantes da nova plataforma que a hostelería do municipio está a poñer en marcha, e a través da cal anuncia que se levarán a cabo mobilizacións. "O desta fin de semana foi a gota que colmou o vaso. Queremos que se nos escoite porque nos están apertando dun xeito que non é normal", denuncia Dasilva. O Remo, Tintanegra e O Bocoi, son outros dos establecementos locais que impulsan a plataforma, que pretende abarcar toda a hostelería do municipio, que o luns comezou a adherirse.

Os hosteleiros poienses téñeno claro: "Ou se leva a cabo o peche total para poder volver ao Erte, ou non poderemos soster máis tempo aos empregados nin as cotizacións á Seguridade Social nestas condicións. Se non se acorda o peche total teñen que deixarnos traballar cunha marxe, porque sen clientela non podemos sacar adiante os negocios", explica Dasilva. De continuar aberta, a hostelería poiense pide que se alivien algunhas medidas coma o toque de queda. "Non pedimos pechar ás tres da mañá, pero sí ás doce. Polo menos que dé tempo a cear". No caso das reunións de non convivintes, Dasilva criticou que "algunhas situacións non teñen sentido. Xa non podemos ofrecer menús para os obreiros, porque non se poden xuntar no bar. Pero no traballo si que poden estar xuntos".

A plataforma, que terá como obxectivo "salvar a hostelería de Poio", pretende visibilizar a situación deste sector no municipio que se atopa "nunhas circunstancias bastante penosas. Queremos traballar e que non a tomen con nós, porque somos os que máis investimos en seguridade", explica Dasilva. Dende o establecemento Tintanegra, ubicado en Combarro, Chicho Moldes reivindica a necesidade de anticipar as decisións que se tomen a nivel de restriccións e de obter axudas para o sector. "Combarro ten clientes de todos os lados, non só vivimos de Pontevedra e Marín".

CONCELLO. O Concello de Poio mostrou o seu apoio ao sector ao que, asegurou a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, facilitará "unha liña de comunicación", tras reunirse este luns cos representantes.

Así, Caldas agarda poder organizar "algún tipo de campaña en decembro", e salientou a necesidade de contar con "axudas ao sector" e "máis previsión" para levar a cabo as directrices da Xunta que, explicou, "non as marca o Concello". Nos vindeiros días, a concelleira volverá reunirse cos hosteleiros.

Comentarios