Miércoles. 22.05.2019 |
El tiempo
Miércoles. 22.05.2019
El tiempo

A humanización e aparcadoiro da Chan iniciaranse despois da Semana Santa

Infografía do proxecto de mellora da calidade urbana, que afectará á capital municipal. DP
Infografía do proxecto de mellora da calidade urbana, que afectará á capital municipal. DP

A empresa Oresa vén de formalizar os trámites administrativos do contrato e comunicou xa ao Concello as súas previsións para esta obra, que estará rematada en verán

Xusto despois das festas da Semana Santa, o Concello de Cerdedo-Cotobade verá como se inicia unha das actucións urbanísticas máis emblemáticas deste mandato: a humanización da Chan, na capital municipal de Carballedo. O presidente da Xunta Xestora, Jorge Cubela, indica que así llo comunicaron representantes da empresa adxudicataria, cos que mantivo un contacto organizativo.

A actuación saíu a licitación a finais do 2018 e tivo unha proposta de contratación a finais de marzo para a empresa Obras, Reformas y Saneamientos (Oresa). A firma vén de formalizar todos os trámites administrativos esta mesma semana e, posteriormente, estableceu contacto co Concello para coordinar as medidas de seguridade e as alternativas de tráfico durante as obras.

A oferta económica desta empresa pola execución de toda a humanización foi de 316.000 euros, tras rebaixar en 113.000 a contía sobre o orzamento base de licitación. O presidente municipal lembra, sen embargo, que o montante total desta actuación superará os 400.000 euros, incluíndo o custo da consecución dos terreos.

Este proxecto tivo un longo proceso administrativo, xa que o Concello tivo que acometer unha modificación urbanística.

Os traballos consistirán no ensanchamento das beirarrúas, o acondicionamento de espazos públicos na contorna da Praza da Chan, a dotación da mesma con mobiliario urbano, a adopción de solucións que favorezan a confortabilidade do núcleo, así como a implantación de medidas de calmado de tráfico.

Outro dos obxectivos da obra será a posta en valor e o acondicionamento peonil da capela de San Roque e, en xeral, a mellora estética de toda a zona, incluíndo a travesía dende o Consistorio.

A actuación suporá a terceira fase da reforma urbana da Chan e pretende realzar o seu gran valor patrimonial, pero a súa importancia tamén radica en que contempla a creación dun aparcadoiro público gratuíto en superficie con 55 prazas. Este estacionamento emprazarase fronte ao centro de saúde e era unha das principais demandas dos veciños e usuarios. Está previsto que a humanización estea lista para este verán e, por mor dos inminentes traballos, Cubela solicitou colaboración e prudencia aos veciños pola presenza de maquinaria pesada e operarios e pedíu desculpas polas posibles molestias destes meses.

A humanización e aparcadoiro da Chan iniciaranse despois da Semana...
Comentarios