A humanización de Campelo incluirá as peticións veciñais

A Deputación anunciou a súa predisposición a modificar o proxecto
A reunión, que se celebrou nas instalacións municipais de Campelo, contou cunha gran afluencia de veciños. DP
photo_camera A reunión, que se celebrou nas instalacións municipais de Campelo, contou cunha gran afluencia de veciños. DP

O proxecto para mellorar a seguranza viaria e crear unha senda peonil na EP-0601, entre Campelo e o entorno da Seara, contará con varias modificacións con respecto do actual. Así o garantiu a deputada provincial de Infraestruturas e Mobilidade, Isabel Couselo, durante unha xuntanza cos veciños e veciñas da zona, na que tamén participou o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e que se leva a cabo ante as diferentes peticións por parte dos afectados.

Neste sentido, Couselo lembrou que "este proxecto data do ano 2022, e xa estaba pechado cando o novo Goberno chegou á Deputación de Pontevedra" pero que, a petición do alcalde, o ente provincial está disposto a facer modificacións "e asumir eses custes económicos para adaptalo ás necesidades reais e propostas dos veciños que residen neste lugar". Por este motivo, nun primeiro encontro co alcalde, no que tamén participou o edil de Obras, Marcial García, ambos amosaron as súas dúbidas cunha glorieta e a alternativa proposta no proxecto para o sentido único de circulación, desviando o tráfico polos Mouchos, un camiño municipal "que en absoluto ten capacidade para asumir todo ese fluxo de coches". Por este motivo, o proxecto trasladouse á veciñanza, co obxectivo de recoller as súas peticións.

Para o alcalde, "se hai que cambiar algo no proxecto, é o momento de facelo", dixo, aludindo á vontade de evitar futuros problemas, en referencia á instauración do sentido único desde a Praza da Granxa ata o camiño dos Mouchos. "O proxecto de 2022 desvía o tráfico en sentido inverso (o que acceda desde a PO-308) por un camiño municipal que non ten ancho nin capacidade para asumir eses coches, o que prexudicará á seguridade dos veciños dese lugar", destacou, secundando polos asistentes á xuntanza.

O proxecto conta cun orzamento de tres millóns de euros e nos próximos días abrirase o prazo para que os veciños que queiran poidan solicitar unha cita cos técnicos, que se desprazarán a Campelo para que as persoas interesadas formulen as súas dúbidas e propostas.

Comentarios