O I Festival de Cervexa Artesá en Poio celebrarase os días 26 e 27 de abril

Organizado por Aciga, contará con cinco cervexeiros representantivos de Galicia, incluída a local Cerveixa Meiga
Ángel Moldes e os organizadores do evento cos carteis do I Festival de Cervexa Artesá. DP
photo_camera Ángel Moldes e os organizadores do evento cos carteis do I Festival de Cervexa Artesá. DP

O venres 26 e sábado 27 de abril Poio acollerá o I Festival de Cervexa Artesá, organizado por Cervexa Meiga e a Asociación de Cervexeiros Independentes Galegos Artesás (Aciga) e que conta coa colaboración do Concello de Poio. Un evento que, segundo explica o alcalde Ángel Moldes, "é algo singular e con características propias, no que se vai poder degustar as cervexas artesás coa particularidade de que van ser os seus propios fabricantes os que van explicar o tipo de produto que están degustando, cales son as súas características, de que están elaboradas... E sempre cun mimo e cariño especial".

Unha diferenza que, segundo indicou, é un dos motivos polos que o Concello de Poio non dubidou en colaborar. "Buscamos dar apoio a unha empresa local e dar protagonismo a un produto que está xa totalmente consolidado, pero, ademais, permitirá dinamizar o noso concello fóra da tempada estival, con apostas diferentes e innovadoras".

No festival, ademais da cervexa local Meiga, tamén participarán Aquelarre, Madroa, Píntega e Meduíña. Precisamente, Luis Tilve, de cerveixa Meiga e que leva máis de dez anos facendo cervexa artesanal, sinala que o obxectivo deste evento "é poñer en valor un produto que cada vez está máis en voga" e destacou que vai ser unha oportunidade para degustar moitos estilos cervexeiros nacidos en lugares recónditos do mundo, pero todos eles fabricados en Galicia. Ademais, adiantou que haberá novidades dentro do festival e incluso poderán degustar en primicia algunha cervexa que aínda non está no mercado.

Os asistentes poderán degustar as cervexas artesás, haberá máis de 20 cervexas de billa diferentes, ao tempo que gozar doutras actividades, como charlas, catas e música en directo. Ademais, tamén haberá food-trucks.

A feira desenvolverase nunha carpa instalada na Seca. A apertura será o venres 26, ás 17.00 horas, e unha hora máis tarde celebrarase unha conferencia sobre o movemento Slow Food, con Leonor Lorenzo e Rocío García. Ás 20.00 horas realizarase unha cata de cervexas Augas Santas e, a partir das 22.00 horas, comezará o concerto de La Mosca Valiente.

O sábado, a carpa abrirá ás 12.30 horas e Morgadance actuará ás 13.30. Pola tarde, haberá unha cata de cervexas ancestráis impartida por Juan Pablo Ferreiros (Píntega). Hai 20 prazas dispoñibles e as inscricións pódense facer a través das redes sociais do I Festival Poio Cervexa Artesá.

A partir das 21.00 horas comezará a entrega de premios ao mellor cervexeiro do festival, con sorteo de cervexas entre os participantes. O fin de festa será ás 22.00 horas co concerto de Four Passengers.

Comentarios