A Policía Local de Poio identificou unha muller de 66 anos, veciña de Sanxenxo, por un presunto furto continuado de prantas en varias rotondas de Poio grazas á colaboración cidadá. Unha testemuña achegou á Policía Local unha fotografía na cal se observa á presunta autora no momento no que se ausenta tras subtraer as plantas na semirotonda de Combarro dirixíndose a un vehículo pequeno de cor negra.
Outro aviso chegaba á Policía onde comunicaban un posible furto de plantas nun edificio de Poio, e quen volvía a actuar tratábase dunha muller cun coche negro.
A Policía local finalmente puido identificar plenamente o vehículo e á suposta muller autora dos furtos

Iniciáronse entón as dilixencias para trasladar ao xulgado os presuntos delitos continuados, recollendo a denuncia neste caso a un representante do Concello de Poio onde figuran os lugares dos furtos, o tipo de plantas e o valor do subtraído.
Os roubos
- O 10 de febreiro de 2023 na raqueta de canalización do tráfico sita na confluencia de Avenida da Cruz, Avenida da Costa e Camiño Real, na parroquia de Combarro, furtáronse unhas 30 plantas de tempadas (violas) cuxo valor total é de 97,50 euros.
- O 17 de abril de 2023, na raqueta de canalización do tráfico que existe na confluencia da Avenida da Praia con Camiño Canteira, Lourido, San Salvador de Poio, subtráense 10 diplademias, con valor de 79,75 euros.
- O día 19 de abril do 2023, na glorieta da Avenida Peirao Besdada en confluencia coa Avenida Andurique e Porteliña, subtraen 10 surfinias con valor 29,50 euros.
- O día 20 de abril de 2023, na glorieta onde conflúe a Avenida Seca, con Avenida Seara e a PO-535, subtraen 12 alegrías (sunpatien), cun valor de 35,40 euros.
- O día 27 de abril de 2023, na glorieta onde conflúen a Avenida Peirao Besada con PO-309, subtraen 4 alegrías (sunpatien) cun valor de 11,80 euros.
- O día 27 do mesmo ano e mes, na glorieta onde conflúe a Avenida Andurique, con Avenida A Barca e Avenida Antelo e Mariño, subtraen 10 xeranios con valor de 20 euros.