Viernes. 24.05.2019 |
El tiempo
Viernes. 24.05.2019
El tiempo

O IES Poio, "azote" do tabaco

Algúns dos alumnos do instituto poiense amosan o diploma acreditativo. CEDIDA
Algúns dos alumnos do instituto poiense amosan o diploma acreditativo. CEDIDA

O centro educativo de San Xoán gañou o primeiro premio nunha das categorías do concurso Clases sen Fume, impulsado pola Consellería de Sanidade co obxectivo de evitar o consumo de cigarros entre a xente nova

NA AULA de 2º C do IES Poio non hai cabida para o tabaco. Este espírito foi o que levou a 20 alumnos do centro educativo da parroquia de San Xoán a gañar o primeiro premio do concurso Clases sen Fume, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Sanidade, a través da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración co departamento autonómico de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os rapaces poienses, de idades comprendidas entre os 12 e os 14 anos, impuxéronse nun certame no que tomaron parte máis de 3.100 estudantes, repartidos en 40 institutos. A meta principal desta actividade non é outra que tratar de evitar o inicio do consumo de tabaco nos mozos da comunidade autónoma a idades tan curtas. No caso do IES de Poio, o recoñecemento chega grazas ás diferentes iniciativas desenvolvidas ao longo dos últimos seis meses. Desde charlas informativas relacionadas co consumo de cigarrillos, ata traballos de investigación, pasando por un vídeo elaborado polos alumnos, no que se fai fincapé nos efectos nocivos do tabaco, foron os labores desenvolvidos polos rapaces.

A encargada de coordinar este proxecto, que se realizou a través da materia de Promoción de Hábitos de Vida Saudable, foi a mestra Laura Fernández. A docente salienta o esforzo realizado polos alumnos e lembra que o IES Poio vén tomando parte neste concurso ao longo dos últimos anos. Nembargantes, é a primeira vez que o centro educativo de San Xoán consegue o máximo recoñecemento. En concreto, os poienses impuxéronse na categoría Ti decides. Pola súa banda, o mellor slogan foi o deseñado polos estudantes do CPR Sagrado Corazón de Celanova (Ourense).

Charlas informativas, traballos de investigación ou a gravación dun vídeo foron algunhas das iniciativas feitas no IES

PREMIO. Os protagonistas desta iniciativa gozarán dun premio moi especial: catro días de estancia nun complexo de actividades de aventura. A excursión terá lugar unha vez rematado o curso 2017-2018 (en concreto, entre o 24 e o 28 de xuño).

O máximo responsable da Consellería de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, foi o encargado de facer entrega dos premios. "Agora xa sabedes que calquera consumo ou exposición pasiva pode ocasionar enfermidades. Non existe consumo seguro ou que estea exento de risco. Por iso, ó unico que vale é a tolerancia cero", aseverou o conselleiro autonómico durante o discurso de clausura.

Como non podía ser doutro xeito, unha ampla representación do IES de Poio estivo presente este martes en Santiago de Compostela, onde tivo lugar o acto de entrega de premios. Os rapaces tamén recibiron un diploma acreditativo. Só dous centros pontevedreses acadaron un primeiro premio. Ademais do poiense, resultou galardonado o CPR Compañía de María, de Vigo.

Ademais da Administración autonómica, na organización deste concurso educativo colaboraron de xeito activo outras institucións como o Concello de Cerceda, a empresa de transporte Monbus ou a cooperativa CLUN.

Máis premios
Doblete do CEIP Lourido


O IES Poio non é o único centro educativo da vila veciña a Pontevedra que pode presumir de "palmarés". O CEIP Lourido conseguiu o primeiro e o terceiro premio no concurso Consumópolis 13. Trátase dun certame impulsado coa finalidade de promover a reflexión de forma consciente, crítica e solidaria sobre distintos aspectos do consumo responsable.

As bases da actividade establecen que os concursantes deben elaborar un slogan publicitario, composto por unha imaxe (que podería ser un debuxo, unha fotografía ou un colaxe) e un lema ou slogan explicativo. Esta iniciativa está organizada polo Instituto Galego de Consumo, que é o encargado de repartir os premios.

Referencia
Precisamente, o departamento dependente da Xunta de Galicia deu a coñecer o nome dos gañadores a través do Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, o primeiro premio (un cheque de 1.000 euros) foi para os compoñentes do grupo formado por Álex Martínez, David Rodríguez, Helena Blanco, Óscar Rodríguez e Pablo Rodríguez. O seu proxecto estivo coordinado por Jesús José Silva.

Con respecto aos rapaces que acadaron o terceiro posto (que lles dá dereito a cobrar 300 euros), son Samuel Carballeda, Yessica Hespanha, Claudia Sieiro, Libania Pintos e Joaquín Fernández.

A segunda posición foi para o Colexio Abrente, de Sanxenxo, tal e como informa a Xunta.

 

O IES Poio, "azote" do tabaco
Comentarios