O IES de Poio inicia un calendario de protestas pola cobertura da praza de Xeografía

Expoñen "parar as clases" de non resolverse a situación coa Consellería
O claustro do centro manifestouse este lunes e coninuará ao longo da semana. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O claustro do centro manifestouse este lunes e coninuará ao longo da semana. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O profesorado do IES de Poio iniciou durante a mañá do luns unha serie de mobilizacións que terán continuidade "ata que a Consellería de Educación resolva a sustitución" da praza de Xeografía e Historia, que permanece sen cubrir dende o inicio do curso, a causa da ausencia dunha profesora con destino definitivo no centro, que non se chegou a incorporar por estar ocupando outro posto nun organismo dependente da mesma Consellería. Así o explicaron dende a dirección do centro, aclarando que, aínda que o ano pasado a docente titular tampouco chegou a impartir clase, a praza estaba cuberta a través dunha permuta.

Tanto a directora do instituto, María Rodríguez, como a vicedirectora, Sabela Bará, incidiron na gravidade dunha situación que deixa ao alumnado de 1º da ESO e 2º de Bacharelato sen esta materia. Tal e como aclarou a directora, dende o centro realizouse a solicitude para cubrir a praza "por diferentes vías", e mesmo se chegou a elaborar un informe no que fundamentala, cos datos de alumnado e profesorado do actual curso. "A Consellería négase a enviar unha persoa para cubrir esta vacante docente, o que provocou que desde o inicio das clases ata hoxe, todo o alumnado de 1º da Eso, así coma o alumnado da materia de Xeografía de 2º de Bacharelato, non tivese a ninguén que se ocupe desas sesións lectivas". Neste sentido, aclarou que, dende o comezo do curso escolar, o alumnado tivo que ser atendido por profesorado de garda.

Para o claustro, trátase dunha situación "inaceptable e insostible 15 días despois de iniciado o curso". Neste sentido, descartaron a posibilidade de reorganizar o curso "aínda que quixeramos" xa que, sen esta praza, "non temos profesorado suficiente para atender a todo o alumnado".

As mobilizacións son "a única opción" que lle queda ao centro para intentar que "a petición sexa atendida". Segundo a vicedirectora, estas prolongaranse ata acadar o obxectivo, inicialmente ao longo de toda a semana á hora do recreo, e "veremos como se desenvolven as cousas". Polo momento, este mércores terá lugar unha protesta na que se implicará "toda a comunidade educativa". De non solucionarse a situación, dende o centro expoñen "parar as clases" ou "levar a cabo outro tipo de mobilizacións".

Ao acto asistiron representantes sindicais e do Concello, dende o que a edil de Educación, Raquel Rodríguez, manifestou a intención do Goberno local de apoiar as protestas e asegurou que "loitará para que se garantan os dereitos do alumnado". "Estáselles a privar da posibilidade de recibir unha educación de calidade", valorou.

O instituto acusou ademais, nas últimas semanas, un problema co desaxuste no transporte escolar que, tal e como indicou a vicedirectora do centro, "en principio está solucionado", tras un "cambio nas rutas" por parte da empresa, que foi comunicado ás familias a través do mesmo centro.

Comentarios