O IES de Poio visibilizará a diversidade e identidade de xénero este trimestre

A Concellería de Igualdade e o CIM colaboran na proposta, que incluirá a representación da obra teatral Elisa e Marcela o vindeiro 26 de abril
O alumnado está a desenvolver diferentes actividades. DP
photo_camera O alumnado está a desenvolver diferentes actividades. DP

Dar visibilidade á diversidade de identidade sexual e fomentar valores sobre igualdade son os obxectivos dunha serie de iniciativas que vai desenvolver o IES Poio durante o último trimestre do curso lectivo actual, a través dunha programación na que tamén colaboran activamente a Concellería de Igualdade, dirixida pola edil de Avante Poio, Silvia Díaz, e o CIM.

Unha das primeiras citas terá lugar o vindeiro luns, 26 de abril, co gallo do Día da Visibilidade Lésbica. A compañía teatral d'A Panadaría presentará a obra Elisa e Marcela, unha representación que terá lugar ás 16.30 horas e está dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO, así como para estudantes de 1º e 2º de Bacharelato.

Entre outras iniciativas, o IES tamén ten en marcha o concurso fotográfico Visibles e divers@s, convocado por Sementes de liberdade. A través desta iniciativa, A asemblea feminista-LGTB do alumnado do centro márcase como meta expresar a través da imaxe as diferentes formas de visibilización LGTB+. A entrega de premios terá lugar o martes 18 de maio, tras a deliberación do xurado, entre o que se encontra a concelleira de Igualdade.

Comentarios