Cambian os recreos do IES de Poio: agora propoñen actividades alternativas

Adolescentes con compromiso ► O feminismo, a reivindicación da lingua galeg, a lectura ou o deporte variado son aspectos que non pasan despercibidos entre o alumnado do instituto de Poio, que adica varias horas a semana a debate, medrar xuntos e "facer grupo" 
undefined
photo_camera Reunión da asamblea feminista-LGTB este curso. CEDIDA

Unha asamblea feminista-LGTB, deportes variados, voluntariado e un equipo de dinamización lingüística. Os recreos no IES de Poio xa non están monopolizados entre o fútbol, a cafetería ou os paseos sen rumbo polo patio. Hai alternativas, e do que máis se enorgullecen dende o centro educativo é, precisamente, de que foran as alumnas e alumnos quenes propuxeran parte delas.

No caso da asamblea feminista-LGTB, que xa conta con certo percorrido no IES, foi a rapazada quen manifestou "interese en constituir un grupo que amosase que no instituto hai alumnado feminista e que pertence ao colectivo LGTB. Querían que iso tivese algún tipo de impacto no centro, porque vían situacións discriminatorias", sinalou a vicedirectora, Sabela Bará.

Deste xeito, constituiuse un pequeno grupo que foi gañando membros pouco a pouco, a medida que desenvolvía diferentes actividades, "normalmente relacionadas con datas conmemorativas, pero tamén fóra delas. O curso pasado fixeron unha serie de entrevistas en directo por Instagram que tiveron moi boa acollida, e pouco a pouco van facendo grupo, de xeito que se apoian entre si", explica a vicedirectora.

Para os e as amantes do deporte, o pavillón acolle de xeito diario un sistema rotacional de actividades, polo que cada día o alumnado participante ten a oportunidade depracticar un deporte diferente. Bádminton, baloncesto, fúbol sala ou voleibol. A idea é "rachar con aquilo de xogar soamente ao fútbol e amosarlles novas actividades que tamén poden facer".

O voluntariado na biblioteca e o club de lectura son as citas máis exitosas, pois a demanda non fai mais que aumentar, e xa acada entre 100 e 150 alumnos e alumnas. 

"A biblioteca sempre foi moi dinámica, este ano houbo moita máis demanda de alumnado que quería ser voluntario, e tamén hai clubs de lectura que sempre tiveron moito éxito entre o alumnado do IES de Poio. Temos clubs de moitas temáticas, e estanse apuntando moitos mozos e mozas", asegura Bará.

Como novidade, este ano o IES engadiu un equipo de normalización lingüística. "Ata agora existía unha coordinación pero non un grupo no que puidese participar activamente máis alumnado e profesorado, e xurdiu con ese obxectivo: que sexa tamén o propio alumnado o que poida facer propostas dende a súa perspectiva, detectar unha situación e propoñer un camiño a seguir".

O equipo de normalización lingüística organiza un concurso sobre pratos típicos do outono, que se publicarán en Instagram

Nestes momentos, o equipo, que se está iniciando, desenvolve actividades relacionadas co outono e o Samaín, se ben "pouco a pouco van sumando diferentes actividades".

Precisamente, unha das máis chamativas é a organización dun concurso gastronómico a través de Instagram, no que deben elaborar un prato con ingredientes e escribir a receita, que se publicará nas redes.

Para o profesorado, o máis importante é "que o alumnado teña a capacidade de tomar a iniciativa, porque non están acostumados a que lles preguntemos a súa opinión. Temos que cambiar os prexuizos dende a nosa perspectiva de xente adulta de que non saben onde están ou que non se comprometen. Realmente si que teñen interese, e se lles ofreces un espazo si que responden".

Comentarios