Eva Iglesias inaugura o San Xoán de Poio defendendo que "Colón era de Rianxo"

O alcalde deu inicio á festa co famoso chupinazo e a actriz Eva Iglesias leu o pregón

Lectura do pregón do San Xoán de Poio. GONZALO GARCÍA
photo_camera Lectura do pregón do San Xoán de Poio. GONZALO GARCÍA

O San Xoán de Poio está oficialmente inaugurado desde as 21.00 horas de este venres, momento no que se deu inicio á festa co famoso chupinazo, a cargo do alcalde, Luciano Sobral, e o pregón, lido pola actriz e cantante Eva Iglesias, coñecida pola súa participación no programa da TVG Land Rober.

 Precisamente ela foi a encargada de arrincar a risa aos asistentes, animándoos a "dar só un salto á fogueira, porque un xa é número impar" para evitar o risco de caer nela ao facelo varias veces e coller confianza. A artista, que está embarazada, tamén fixo bromas coa tradición de tomar as nove ondas na praia da Lanzada para obter fertilidade, que ela mesma probou, segundo confesou desde o balcón da Casa Consistorial. Iglesias non se despediu sen facer chanza sobre a orixe poiense de Colón, ao revelar que "todo o mundo sabe que é de Rianxo e alí chámanlle o tío Cristóbal" e sen lembrar os tempos nos que ela ensaiaba en Poio coa orquestra Marbella, e nos que cantou, tamén con esta orquestra, na mesma praza que onte acolleu o inicio das festas. 

Outro momento emotivo da xornada foi a entrega dunha medalla de honor de Poio á exconcelleira de Cultura, Lidia Salgueiro, a petición dos colectivos sociais do municipio. Fixo a entrega Luciano Sobral e o edil entrante de Festexos, Xose Lois Martínez, loubou a capacidade de traballo den Salgueiro, da que dixo, "non estará moito sen voltar á política, porque persoas coma ela son as que fan falta" . Ela recolleu emocionada o galardón entre o aplauso dos asistentes. 

Tamén colleitaron aplausos todos os deportistas homenaxeados  ano: Cristian Fernández, campión do mundo de acuatlón; Lola Ferro, campiona galega de ximnasia rítmica; Laura Alonso, subcampiona de ximnasia rítmica; Nicolás Braña, campión autonómico de piragüismo, e Alba Rodríguez, campiona galega de piragüismo. Ademais recibiron unha mención os cadetes de fútbol das Escolas Deportivas e o Club Tríatlon Poio polos seus ascensos.

Á súa vez, fíxose entrega de premios aos nenos que gañaron no concurso de carteis da festa, que se convoca anualmente.

O San Xoán deu o seu inicio con música, posto que os grupos de música tradicional e o do proxecto E-Trad, de percusión, participaron nun pasarrúas dirixido por Marcelo Dobode e con acompañamento de Adrián Saavedra. O orixinal arranque musical, con ambientación dunha festa hindú holi, e con un tema elaborado específicamente para a ocasión non deixou indiferente ao público, que se animou a facer palmas e a seguir os ritmos propostos pola agrupación.  

A celebración do pregón rematou coa degustación de rosca e viño na Praza do Mosteiro, e a festa seguirá hoxe, primeiro coa cita para recoller as herbas de San Xoán, ás 18.00 horas no colexio de Sartal, na que a Asociación Ronsel guiará a todos os participantes polos puntos onde se poden atopar as sete especies máis prezadas desta xornada, e despois coa sardiñada popular, o espectáculo de lume, a verbena e a fogueira, na explanada da Seca.

Comentarios