A ilusión do Nadal xa alumea Poio, Soutomaior, Vilaboa e Ponte Caldelas

Os concellos da comarca non escatimaron esforzos na primeira fin de semana de decembro e enchéronse de propostas acaídas para as datas festivas

Decembro é sinónimo de Nadal e non só as grandes cidades queren celebralo. Así, varios concellos da comarca de Ponteevdra aproveitaron a fin de semana para inaugurar os distintos recunchos de Nadal.

Foi o caso de Poio, onde o alcalde, Ángel Moldes, premeu o botón de acendido durante a festa organizada na Praza do Mosteiro. Non faltou a música na Fedelleneta Dj como tampouco o chocolate e a rosca de balde, así como o esperado tren máxico e a iluminación de toda a fachada e contorna da Casa do Concello. Ao mesmo tempo, tamén quedaban inauguradas as sete Aldeas de Nadal que este ano, como gran novidade, se colocaron en lugares emblemáticos do municipio.

A programación do Nadal de Poio continúa este luns, cun obradoiro de decoración de Nadal para todas as idades na Biblioteca Municipal, ás 16.30 horas, e o próximo sábado, 9 de decembro, o punto de encontro será na Aldea do Adro, en San Salvador. Comezará ás 16.30 horas co pasarrúas da Batuka Canecos e continuará coa Aldea Musical do Nadal de Nelson Quinteiro. A semana do 11 de decembro, a Fedelleneta do Nadal visitará todos os centros escolares de Poio.

En Soutomaior deuse unha inauguración similar, co prendido do alumeado de Talo Río e unha ampla programación que incluía  a mostra de Nadal a animación de rúa de Hípica Celta e a música de La Duenteneta. Unha das persoas usuarias dos centros de maiores de Soutomaior, Consuelo, que ten 101 anos, foi a encargada de inaugurar o acendido, nun acto multitudinario. Neste caso, os actos continúan este domingo con dous concertos. Ás 13:00 no Multiusos terá lugar o concerto de Santa Icía da Banda Artística de Arcade e ás 19.00 desenvolverase o concerto da Coral Polifonica de Soutomaior na Casa da Cultura Regina Doval.

En Ponte Caldelas, o alumeado acendeuse o venres e o sábado deu comezo o Mercado Artesanal e de Produtos Ecolóxicos con máis de 30 expositores e que continúa este domingo durante toda a xornada na Praza de España. Esta feira contará con actuacións de Os Xeitosos, da Insua, e a animación de Galiclown, na sesión de tarde.

Vilaboa estreou o recuncho de Nadal de Paredes, elaborado entre todos os veciños cunha decoración completa e moi ecolóxica, pensada para atraer visitantes e alegrar a vida dos veciños. O Concello premiará o mellor rincón e tamén Figueirido prendeu xa as luces.

O Concello de Vilaboa agradece esta implicación da veciñanza que contribúe decisivamente á dinamización das parroquias e a crear ambientación nas mesmas, que complementará coas guirnaldas tradicionais. "Nun municipio tan extenso como o noso pero cun orzamento tan limitado e que ademáis non ten un núcleo definido sería imposible crear unha ambientación así. Por eso a miña máis sinceira felicitación e recoñecemento a estes veciños e veciñas que nos fan a todos sentirnos orgullosos de ser de Vilaboa", apunta César Poza.

Comentarios