O incendio nunha zapatería de Poio xera cuantiosos danos materiais

Declarouse ás 15.00 e foi sufocado polo GES de Sanxenxo e Bombeiros do Salnés
Bomberos en el lugar del incendio. POLICÍA LOCAL DE POIO
photo_camera Bomberos en el lugar del incendio. POLICÍA LOCAL DE POIO

Un incendio declarado no interior da zapatería Don P’alpie de Poio este sábado a primeira hora da tarde deixou serios danos no almacén da instalación, no material de venda e na zona de exposición.

Sucedeu a partir das 15.00 horas, cando se recibía aviso polo incendio no 112. O lume extendíase no interior da zapatería situada na Avenida de Andurique, que está moi próxima tamén ao posto da Policía Local. Os axentes acudiron a este punto, no que se contou co apoio do GES de Sanxenxo e da dotación dos Bombeiros do Salnés do parque comarcal contra incendios.

Non correu perigo ningunha vida, segundo explicou a Policía, porque o establecemento xa estaba pechado e non había persoas nas instalacións, e, do mesmo xeito, non foi preciso desaloxar o edificio por causa do fume, porque o inmoble non tiña ocupantes nese momento.

 

A densidade do fume, producido ao arder o calzado almacenado e o material do establecemento, dificultaron, inicialmente as tarefas de extinción, aínda que sobre as 17.00 horas deuse por concluida a tarefa. Para un mellor manexo da situación, mantívose pechado parcialmente ao tráfico un carril da Avenida de Andurique, dando paso alternativo polo outro.

As primeiras hipóteses apuntan a que a causa do lume puido ser un aparato deshumidificador en funcionamento. Ao material que ardeu, os responsables do establecemento deben sumarlles os danos ocasionados polo fume, de modo que a Policía considerou que se pode falar de "elevados danos materiais".