A Xunta de Goberno Local deu luz verde na última sesión de 2021 á aprobación da adxudicación do proxecto para instalar o que será o primeiro parque de calistenia de Poio, que se habilitará nunha área situada nas proximidades do parque de Costa Xiráldez, en Lourido, e cuxa instalación comezará ao longo deste mesmo mes de xaneiro. Neste sentido, o parque completará a oferta deportiva e de ocio do emprazamento, que xa conta cun parque infantil, próximo ás praias de Lourido e Cabeceira.
A empresa que levará a cabo o proxecto será Garopacrim Sociedad Limitada, cun orzamento que ascenderá finalmente a 23.716 euros, Ive engadido. Sobre o prazo estimado para o desenvolvemento dos traballos, a edil de Deportes, Marga Caldas, asegurou que "confiamos en que en poucas semanas os aparellos estean xa a disposición da cidadanía".
Caldas lembrou que o parque de calistenia está pensado para acoller a usuarios e usuarias que estean interesadas en realizar traballos específicos e rutinas para fortalecemento muscular, coordinación, tonificación, forza e flexibilidade. Para iso, a área destinada á realización de exercicios de calistenia, que se estenderá sobre unha superficie duns 150 metros cadrados aproximadamente, contará con elementos indicados especialmente para desenvolver este tipo de exercicios, e cuxa instalación centrarán o groso do desenvolvemento dos traballos durante as vindeiras semanas.
O parque terá capacidade para acoller a dez persoas de xeito simultáneo, cantidade que se poderá modificar dependendo das restriccións sanitarias no sucesivo.
VISTO BO DE COSTAS. A titular de Deportes destacou o feito de que o proxecto do parque de calistenia é "respectuoso coa contorna, e non supón ningún tipo de impacto medioambiental, que permite volver a restituír a zona ao seu estado orixinal en caso de ser necesario".
Neste sentido, lembrou que os traballos para a instalación do parque contan co permiso do Servizo Provincial de Costas, que se formalizou xa durante o pasado mes de outubro.