Instan á limpeza de 321 leiras de Barbudo no aniversario do seu peor incendio

Ponte Caldelas publica no Boppo unha lista de terreos sen titular repartidos entre esta parroquia e a de Anceu cando se cumpren oito anos do lume que asolou 600 hectáreas nunha noite ►O Seaga executará as limpezas de modo subsidiario se non aparecen os donos
O incendio de Barbudo, no momento en que se achegou a Anceu, a noite do 4 de setembro de 2013. RAFA FARIÑA
photo_camera O incendio de Barbudo, no momento en que se achegou a Anceu, a noite do 4 de setembro de 2013. RAFA FARIÑA
No Concello de Ponte Caldelas veñen de facer pública unha lista de máis de 300 parcelas, en total uns 321 predios, que teñen en común tres cousas: son terreos sen titular, ou con titular descoñecido, que pertencen ás parroquias de Anceu e Castro Barbudo, e que incumpren a obriga da xestión da biomasa forestal e retirada de masas arbóreas, é dicir, que están sen limpar pese a formar parte das denominadas faixas de proteción fixadas na Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

A publicación non é unha listaxe calquera, senón que xa é un requerimento oficial, vía Boletín Oficial da Provincia, asinado polo alcalde, Andrés Díaz, no que se dá un prazo de 15 días aos responsables de cada predio para proceder á limpeza dos mesmos. A notificación contén a advertencia de que, en caso de que pase o prazo establecido e non se culmine a limpeza, será o Concello, pola vía da execución subsidiaria o que asuma este traballo, pasándolle os cargos do custe aos titulares do mesmo.

Tamén se sinala que, en virtude a esta lei, se poderá acceder ás parcelas afectadas sen o permiso de ningún titular, para a citada limpeza, e ao incautamento da madeira que haxa nos predios. Do mesmo modo, notifícase a todas as persoas que poidan ser titulares deses terreos que, en caso de persistir no incumprimento, será a xefatura da Consellería competente en materia forestal a que poderá instruír multas e sancións, por infracción leve (ata mil euros) ou grave (ata 100.000 euros).

Dase a circunstancia de que o anuncio afecta a Anceu e Barbudo, parroquias, que cumpren oito anos, desde que o 4 de setembro de 2013 se iniciara na súa contorna un dos incendios máis virulentos que se lembran, que queimou 600 hectáreas nunha mesma noite e que puxo en grave risco a integridade de vivendas e residentes en Barbudo e A Esfarrapada, onde todas as mans foran necesarias para salvar algunhas casas en plena madrugada. Resulta significativo que, entre as dúas parroquias non suman, nin sequera, unha cantidade de habitantes similar á de parcelas que están por limpar. Así, hai máis de 265 habitantes según as cifras recentes do IGE, fronte ás 321 parcelas requeridas.

A listaxe publica unha referencia do coste estimado das futuras limpezas e delata que moitos dos terreos son minifundios de apenas uns metros, que custará 12 ou 20 metros limpar, pero tamén hai casos chamativos de máis dunha hectárea ou de preto dos 10.000 metros, que dan unha idea do perigo que pode supoñer unha superficie dese calibre chea de maleza e preto das vivendas.

Andrés Díaz, indicou que, pese á casualidade das datas, "todo forma parte del convenio firmado con Seaga para ejecutar las limpiezas en las parroquias de alto riesgo de incendio". Anceu, Barbudo e A Esfarrapada, teñen esa categoría por ter padecido tamén, as consecuencias doutros posteriores, incluindo a vaga de lumes de 2017 que queimou un 25% do territorio de Ponte Caldelas. A cantidade tan elevada de parcelas sen dono oficial débese, aclaro "a los efectos de la emigración, que en esa zona llevó a muchas familias a Brasil", polo que cre que as limpezas subsidiarias afectarán á maioría das 300 leiras.

O Seaga comeza a limpar 30 parcelas de Poio cuxos donos incumpren a norma antiincendios

Mentras en Ponte Caldelas esgotan os días das notificacións, este mesmo acordo para manter as franxas de protección das aldeas libres de árbores e maleza está máis avanzado en Poio.

O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez confirmou que xa se está a proceder á realización, de forma subsidiaria, dos traballos de xestión de biomasa en varias parcelas de titularidade privada emprazadas no municipio. A actividade de limpeza iniciouse hai uns días, logo de que se constatase de que as persoas propietarias non levaran a cabo estas tarefas no período indicado nos requerimentos.

O Concello de Poio, para promover estas limpezas, adheridoiuse, ao igual que Ponte Caldelas, ao convenio subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e a empresa Seaga, para a prevención e defensa contra incendios forestais, mediante o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas franxas secundarias.

En virtude deste convenio, operarios de Seaga xa están tramitando a limpeza destes terreos, coas pertinentes inspeccións previas para analizar o estado dos espazos antes de intervir.

O Concello insiste en que, unha vez finalicen estas actuacións, trasladarase aos titulares destes espazos privados os custes resultantes dos traballos, tal e como establece a normativa.

Unha das características deste procedemento menos coñecidas é que se procede, unha vez iniciada a actuación por conta do Concello, á comisión da madeira resultante da corta das especies arbóreas retiradas.

No artigo 22.6 establécese que a execución subsidiaria da xestión da biomasa non requirirá de ningunha autorización e que as persoas responsables están obrigadas a facilitar os accesos necesarios.

O responsable do departamento de Medio Ambiente indicou que o desbroce e retirada de madeira efectuarase ao longo das vindeiras semanas e subliñou que esta actuación lévase a cabo despois de que o Concello de Poio procedese, en tempo e forma, a dar traslado das pertinentes notificacións previas, así como á publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) e no Diario Oficial de Galicia (DOG) das parcelas que non cumprían cos requisitos pertinentes en materia de prevención de incendios.

Unha vez superados os 15 días naturais establecidos para a realización de xeito voluntario das tarefas, os técnicos municipais procederon a pasar revista ao estado das parcelas. Xosé Luís Martínez estima que os traballos subsidiarios lévanse a cabo en algo máis de 30 terreos. O responsable de Medio Ambiente salienta a importancia de formar parte do convenio coa Fegamp e a Xunta de Galicia neste ámbito, xa que "é unha ferramenta efectiva á hora de fomentar a prevención ante posibles incendios forestais". 

Comentarios